A marxe para o erro reduciuse ao mínimo para un Pontevedra Club de Fútbol que entra na fase decisiva do campionato coas súas aspiracións intactas de pelexar polo ascenso directo.
"Entramos no momento da competición que falamos habitualmente, ese dez últimas xornadas nas que se xogan os obxectivos", recoñeceu este venres en rolda de prensa Yago Iglesias antes de recibir o Guijuelo (domingo 9, 17.00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón.
"Temos que ser conscientes do que nos estamos xogando", avisa o técnico defendendo que "non é nada fácil estar a pelexar por un primeiro posto, por gañar unha liga ou ascender de forma directa. É moi difícil e conséguese por pequenos detalles, por unhas vantaxes mínimas".
Ademais, afirma Iglesias, "aquí todo o mundo aperta. Non hai rival sinxelo, ves a clasificación e ves os partidos e non hai goleadas", explica sobre o complicado de superar a equipos que se están a xogar a permanencia na categoría.
En todo caso con 30 puntos aínda en xogo Yago non cre que sexa soamente un pulso entre Pontevedra e Numancia, xa que "aínda quedan xornadas suficientes, e vendo o rendemento e o bo facer do Ávila, pode ser que se coe" nesa pelexa, asegura.
Por todo iso "veñen dous meses moi ilusionantes, bonitos, tensos" nos que hai que "ir a cara de can en cada partido".
Será así empezando por un Guijuelo que pelexa por non perder a categoría pero que "é un equipo que se adapta ben aos rivais, vainos a tentar incomodar" e que "é un rival que con balón fai moitas cousas ben", analiza o adestrador dos da Boa Vila.
Yago Iglesias recoñeceu ademais que "cada vez é máis difícil puntuar fóra da casa", polo que "vendo un pouco o calendario e vendo o que temos na casa e fóra, para nós é fundamental sumar de tres na casa".
Por último o técnico referiuse tamén ao estado do céspede de Pasarón, que vai "mellorando aos poucos". Fíxoo co temor de que as choivas previstas para a fin de semana poidan afectar de novo ao terreo de xogo, e é que "neste último trámo si que vai ser importante ter o campo nas mellores condicións posibles, sobre todo na semana seguinte que imos ter dous partidos en escasos tres ou catro dias, pero imos centrarnos nesa fin de semana e despois xa pensaremos no que vén por diante", concluíu o preparador.
Esta xornada serán baixa por sanción Pelayo Suárez e Dalisson, pero o resto do plantel estará dispoñible para medirse ao Guijuelo.