Moito máis que tres puntos en xogo entre Somozas e Pontevedra

Pontevedra
02 de marzo 2013

Milo non poderá contar con Tubo e Caco, por lesión, mentres que no conxunto local serán baixa Álex Bao e Piscu, por sanción. Unha vitoria granate deixaría ao Somozas case descartado da loita polo play-off, ao gañarlle tamén o golaverage parcial

Partido complicado para os dous equipos. Somozas e Pontevedra enfróntanse no campo municipal de Pardiñas o domingo, ás 17.00 horas, con arbitraxe do colexiado coruñés Pablo Brea Peón, no máis parecido a unha final anticipada, polo menos no que se refire ao cadro local, que de perder quedaría relegado a sete puntos de distancia do propio Pontevedra, ademais de perder tamén o golaverave parcial entre ambos os dous, que empataran na primeira volta en terreo pontevedrés.

Pero aínda que con menos urxencias, para os granates o choque reviste tamén unha gran transcendencia pois ademais desa posibilidade de afastar, pode que definitivamente a uns dos rivais directos, achegaríalles tranquilidade para o seguinte compromiso, de novo a domicilio, na visita a un dos "gallitos" da categoría como o Celta B.

Ambos os dous equipos chegan con importantes baixas á cita. Mentres no Somozas o seu técnico, Míchel Alonso, non poderá contar con dous dos seus baluartes en defensa como Piscu e Álex Bao, no Pontevedra nin Caco nin Tubo lograron superar os seus problemas físicos e tampouco poderán xogar.

Esas baixas obrigan a forzar unha semana máis a Cristóbal Juncal, que ao igual que Stefan arrastra molestias no nocello, malia o que ambos os dous foron incluídos na convocatoria tras o último adestramento da semana realizado en Pasarón, a cuxa finalización Milo Abelleira facilitou a lista de convocados da que cae por decisión técnica Javi Pazos.

En canto ao posible once inicial que salte ao terreo de xogo de Pardiñas podería ser o formado por: Lloves; Pacheco, Yago Vázquez, Pablo, Adrián; Cristóbal Juncal, Moisés Pereiro, Jacobo, David Pérez; Richi e Santi Domínguez, buscando aproveitar a chegada polo centro dun Jacobo en refacho tras os seus catro goles da pasada semana. A lista complétana: Lorenzo, Sestelo, Nano, Iago Paz e Stefan.

Milo avisaba dos perigos do Somozas: "Aínda que lle falten algúns xogadores, no xogo aéreo son moi bos. Saben que neste partido lles poden ir as súas últimas opcións, porque unha derrota os deixaría moi lonxe, e aínda que nós nos xogamos moito, eles aínda se xogan máis. Temos que ser tan duros e agresivos como o poidan ser eles, porque esta faceta é a que nos falta para conseguir sacar máis puntos lonxe de Pasarón,".