O campo de fútbol de Campañó está a ser escenario estes días do campus para porteiros que cada ano organiza o club Azero Porteros.
En quenda de mañá, entre o 26 e o 29 de decembro, 31 aspirantes a gardameta en idade de formación gozaron das vacacións facendo o que máis lles gusta, xogar ao fútbol.
As sesións, impartidas por seis técnicos de recoñecida experiencia e prestixio baixo paus, centráronse en mellorar a técnica, o físico, o xogo ou a táctica dos arqueiros. Pero o principal obxectivo de monitores e participantes non era outro que o de gozar do Nadal facendo deporte e compartindo tempo con amigos.
Moitos dos encargados de ensinar a estes prometedores porteiros compiten en categorías nacionais e rexionais e son fonte de inspiración para os aprendices. É o caso do excapitán do Pontevedra e actual porteiro do Deportivo en Primeira Federación, Edu Sousa. Tamén forman parte do elenco, o porteiro do Coruxo Alberto Domínguez ou o do Ribadumia, Óscar.
Acompáñanos técnicos de dilatada traxectoria no futbol galego como Roberto Pazos, técnico do Arosa; Antonio Rodríguez, adestrador de porteiros da EF Porteiro 2000, Salgueiriños e CD Ribadumia; ou Dani Paseiro, adestrador de porteiros do Céltiga.
O campus clausúrase este xoves despois de catro xornadas de frenética actividade nos que nin a choiva puido conter a diversión destes 31 mozos deportistas que soñan con chegar todo o máis alto, pero sempre baixo o traveseiro.