Despois de vivir unha especie de travesía no deserto, o Leis Pontevedra empeza a ver 'brotes verdes' tras o duro traballo desenvolvido nos últimos meses.
Faino cun proxecto diferente, e é que tal e como eles mesmos recoñecen, está comandado por "un grupo de rapaces de entre 15 anos que ten Xoel aos 24 que tiña eu", rememora o director deportivo do Leis, Jose Barcala, sobre o momento no que asumiron a dirección da entidade.
Xunto a el, representando ás preto de 20 persoas involucradas nos labores de xestión e día a día do cub deportivo, falan Pablo Vilela como coordinador da entidade e Cley Nogueira, xogador do primeiro equipo masculino e adestrador ademais do xuvenil de División de Honra.
"Collemos un club totalmente á deriva, era unha situación límite", lembra Barcala asegurando que "se non nos fusionabamos creo que a desaparición estaba preto", explica sobre a unión co Stellae masculino para formar un proxecto competitivo naSegunda B e co Cidade de Pontevedra para recuperar a estrutura feminina que tivera o Leis.
"Está claro que o traballo é bo cando a situación cambiou tan rápido, porque ao final de 30 nenos pasamos a 100 nenos en tan só unha tempada", explica o director deportivo. Porque a canteira é a gran prioridade do club, e esta tempada contan xa con equipos en todas as categorías de formación salvo a infantil, algo que esperan solucionar o próximo curso.

"O noso obxectivo a día de hoxe formar a maior cantidade de nenos posibles, xa non só como xogadores, senón como educadores que nos consideramos. Ao final todo o futuro de club depende dos nenos. Si non tes nenos non vas chegar a nada. E a ilusión que temos a maioría, que é polo que estamos aquí case todos, é que algún deles poida pasar por todas as categorías do club e por que non chegar ao primeiro equipo", afirma Pablo Vilela.
Todo iso cun proxecto cun sinal claro de identidade, e é que "vai da man, e cremos niso, cun sentimento de pertenza que ten que haber. É a filosofía", remarca Jose Barcala.
Por iso están moi orgullosos de que "un rapaz termina un partido do seu equipo na categoría xuvenil e colle e vai á cantina do feminino, ou un xogador do primeiro equipo vai ver un partido do filial ou do feminino e viceversa. Ao final as persoas están involucradas, cada un ten ten o seu rol, suman o que poden e fan moitos esforzos. Hai rapaces que están en categoría xuvenil, mesmo en categoría cadete e os ves axudando xa en rifas, na cantina, vendo ver os partidos dos equipos de club", destaca Cley.

Un traballo duro pero que é gratificante xa que "notas é que a xente se está a sumar ao carro, que en Pontevedra está a subir un pouco esa afección polo fútbol sala e estase volvendo a reenganchar xente".
A iso axudan tamén os resultados, co equipo feminino pelexando por subir de categoiría e tamén o sénior masculino, que tres décadas despois clasificouse para a final da Copa Galicia tras deixar na cuneta a un equipo da máxima categoría como o Burela.
Momentos que reforzan o seu traballo e danlles aínda máis ganas de continuar, por moito que sexan "catro críos", afirman. E é que nese está o seu principal valor, porque "queremos buscar é esa conexión coa cidade no sentido de somos un grupo de rapaces e estamos a facer algo diferente. Hai moitos equipos e hai moitos proxectos, pero o noso é distinto pola nosa idade e polo que queremos facer".
Así é como, cargados de ilusión, soñan con seguir facendo crecer a un club histórico do deporte pontevedrés como o Leis, ao que lle deron unha nova oportunidade de brillar.