Mirando cara a un Primeira: Así será o sorteo de segunda rolda de Copa para o Pontevedra

Pontevedra
20 de novembro 2024

A falta de disputarse tres dos partidos aprazados, a día de hoxe o Pontevedra non tería garantido o cruzamento cun equipo de Primeira División. O sorteo celebrarase o mércores 27 de novembro

Partido de Copa do Rei entre Pontevedra e Levante en Pasarón
Partido de Copa do Rei entre Pontevedra e Levante en Pasarón / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol mira con ilusión cara ao bombo da Copa do Rei.

Tras eliminar brillantemente o Levante da Segunda División, os granates gañaron o dereito a seguir soñando no Torneo do K.O. mirando cara aos equipos de Primeira División. Pero, que lle espera ao equipo pontevedrés no sorteo?

O primeiro é sinalar que a segunda rolda de Copa do Rei será sorteada o mércores 27 de novembro ás 13.00 horas na sede da Real Federación Española de Fútbol.

Será de novo un sorteo condicionado, no que os equipos de Segunda RFEF sempre que sexa posible emparellaranse con equipos da máxima categoría.

Neste sentido, a falta de tres dos partidos aprazados no seu momento pola DANA, a día de hoxe o Pontevedra non tería garantido recibir en Pasarón un equipo de Primeira, aínda que sería o máis probable. Non será en ningún caso un os equipos que participan na Supercopa de España (Real Madrid, Barcelona, Athletic Club e Mallorca) ao estar aínda exentos até a seguinte rolda.

Polo momento son 13 os clubs de Primeira clasificados, por 14 conxuntos de Segunda RFEF, polo que un quedaría sen premio, aínda que o cálculo pode aínda variar co Jove Español - Real Sociedad (xoves 21 de novembro), o Manises - Getafe (martes 26) e o Parla Escuela - Valencia (martes 26).

Desta forma entre os equipos da máxima categoría atópase o veciño RC Celta de Vigo pero tamén o Atlético de Madrid, Alavés, Sevilla, Real Betis, Espanyol, Girona, Las Palmas, Rayo Vallecano, Leganés, Valladolid, Vilarreal e Osasuna.

Pola súa banda ademais do Pontevedra CF, continúan vivos desde a Segunda RFEF equipos como Salamanca CF, UD Logroñés, CE Europa, Estepona, SD Ejea, UE Olot, Barbastro, Cacereño, Conquense, Orihuela, Deportiva Minera, Real Ávila e Sant Andreu.

No caso de quedar eliminados os equipos de Primeira aínda por xogar e avanzar os de Segunda RFEF, cabería unha mínima posibilidade de medirse a un club da Segunda División. Neste bombo entraría o RC Deportivo tras estar exento na primeira rolda, xunto a Racing de Ferrol Burgos, Almería, Cartagena, Cádiz, Castellón, Racing de Santander, Granada, Elche, Eldense, Huesca, Real Sporting de Xixón, Zaragoza e Tenerife.

Pola súa banda os equipos de Primeira RFEF clasificados, que en ningún caso mediríanse aos granates, son: Ourense CF, Barakaldo, Marbella, Cultural Leonesa, Andorra, Ponferradina, Nástic de Tarragona, Unionistas de Salamanca, Zamora, Yeclano e Ceuta.

O que si é seguro é que a segunda rolda da Copa do Rei disputarase no Estadio Municipal de Pasarón nunha eliminatoria a partido único, estando fixada no calendario para os días 3, 4 e 5 de decembro.