Mirando o espello de 2015 para crer na remontada

Pontevedra
14 de maio 2024

O Pontevedra Club de Fútbol confía no efecto do Estadio Municipal de Pasarón para dar a volta á eliminatoria contra o Deportivo Aragón e seguir crendo no ascenso a Primeira RFEF. Desde a implantación do actual sistema de play-off con cruces directos, os granates remontaron en dúas ocasións na casa eliminatorias que tiña en desvantaxe

O Pontevedra Club de Fútbol encoméndase ao Estadio Municipal de Pasarón para pensar na remontada contra o Deportivo Aragón (domingo, 18.00 horas) e seguir aspirando así ao ascenso a Primeira RFEF.

Os granates, tras o 2-1 da ida na Romareda, están obrigados a gañar para pasar de rolda. Calquera triunfo, ao non valer xa dobre os goles en campo contrario, valeríalle xa que en caso de empate global avanzaría á final por ter finalizado segundo na fase regular.

Os de Yago Iglesias teñen unha referencia non tan afastada na que mirarse, e é que deixando de lado o último play-off a Segunda División xogado polo Pontevedra na tempada 2016-2017 contra o Real Murcia (1-3 na ida en Pasarón e 1-1 na volta fóra), a última vez que gozou de vantaxe de campo nunha fase de ascenso terminou logrando o salto de categoría a pesar de perder os seus encontros a domicilio.

Foi na campaña 2014/2015, na que o Pontevedra de Luisito finalizou campión a tempada regular, enfrontándose ao Mensajero na eliminatoria de campións. Con derrota 1-0 nas Illas Canarias, os granates igualaron o resultado na volta nun Pasarón a rebentar, pero por aquel entón os penaltis (que agora xa non se lanzarían) castigaron os da Boa Vila. Esa fase de ascenso continúo co Manzanares, con idéntico 1-0 na ida a domicilio e remontada prórroga incluída na cuelta por 2-0, algo que sucedeu tamén no cruzamento decisivo fronte ao Haro Deportivo, con 1-0 na Rioxa e 3-0 en Pasarón para certificar o ascenso.

É o espello no que deben verse reflectidos agora os futbolistas pontevedreses, con tres resultados que valerían agora o pase. De feito desde a implantación do sistema de eliminatorias sempre que se chegou á volta en Pasarón con necesidade de remontar conseguiuse. Foron esas tres veces, máis aló dos fatídicos penaltis contra o Mensajero.

Noutras tres ocasiones o Pontevedra afrontou con vantaxe de campo unha elminatoria de play-off. En todas elas caeu eliminado, pero chegaba á volta cun resultado favorable ou empatado. Foi así no primeiro cruzamento de eliminación directa contra o Sevilla Atlético na 05-06 (0-2 en Sevilla e mesmo resultado na volta caendo en penaltis), un ano despois contra o Córdoba (0-0 no Arcángel e 2-2 en Pasarón decidindo o pase o valor dobre dos goles en campo contrario) e na 07-08 contra o Ceuta (1-1 na cidade autónoma e 0-2 en Pasarón).

No que respecta ao resto de play-off disputados con este sistema, todos foron con desvantaxe de campo. Na 09-10 o equipo adestrado entón por Pablo Alfaro superou o Real Oviedo vencendo 2-1 na casa e 1-2 fóra e caeu despois co Alcorcón (0-0 en Pontevedra e 3-0 fóra), mentres que a 11-12 en Terceira División o Espanyol B eliminou os granates despois dun empate sen goles en Pasarón e un 3-0 en Barcelona.