Milo pénsao: O técnico apura opcións antes de deixar o banco para asumir o posto de Director Técnico do Pontevedra

Pontevedra
27 de maio 2013

Adestrador e Presidente reuníronse o luns pero non chegaron a formalizar o acordo. O técnico dubida entre deixar o banco ou seguir a súa carreira como adestrador noutro club. Non obstante, ao longo da presente semana manterá contactos con todos os xogadores do equipo para informalos da súa situación

Como estaba previsto dende o pasado venres cando unha parte do Consello de Administración do Pontevedra estudou a ruta a seguir nas próximas datas, o presidente, Mauricio Rodríguez, reuniuse co adestrador, Milo Abelleira, na xornada do luns para trasladarlle as condicións da oferta para facerse cargo da dirección técnica do club durante as dúas próximas tempadas.

Non obstante, malia que xa houbera contactos previos, o encontro entre ambos os dous finalizou sen acordo definitivo, ao pedir o técnico un compás de espera para facer saber o club a súa decisión definitiva. Ao parecer, e segundo recoñeceu o propio Milo, as dúbidas do técnico céntranse na decisión de abandonar os bancos e pasar aos despachos, circunstancia que non o convence de todo, polo que podería estar a barallar mesmo a posibilidade de seguir a súa carreira como adestrador noutro club, desvinculándose do Pontevedra.

Iso si, ao longo da presente semana Milo manterá conversacións coa totalidade de xogadores do equipo actual para facelos saber a súa situación, á vez que iniciar contactos para intentar a renovación daqueles cuxo concurso se considera interesante para o club.

Deste modo todo fai indicar que a reunión que habería de celebrar o Consello nesta mesma semana para validar o acordado entre presidente e adestrador, podería igualmente atrasarse algúns días máis.