"Non é un adeus", asegura Miguel Román, pero o centrocampista de Gondomar decidiu despois de dúas tempadas emprender unha nova aventura profesional lonxe de Pasarón.
Así o recoñeceu a PontevedraViva, explicando que aínda que o Pontevedra Club de Fútbol plantexoulle a renovación a súa idea é canto menos a de continuar en Primeira RFEF. "Presentáronme un proposta pero eu o que quero agora mesmo é crecer e creo que o meu futuro non está no Pontevedra", sinala Román.
En todo caso "creo que a próxima tempada non vou estar no equipo pero non quero pecharlle a porta no futuro ao Pontevedra", asegura agradecido ao club que lle brindou a oportunidade de converterse nun futbolista profesional.
Miguel Román: "Creo que a próxima tempada non vou estar no equipo pero non quero pecharlle a porta no futuro ao Pontevedra"
O que non ten aínda definido é o seu futuro, tras acabar o 31 de maio a súa vinculación coa entidade da Boa Vila. "Agora mesmo estou no paro, non teño nada asinado", pero "vou tentar seguir en Primeira RFEF, porque creo que mal ano non fixen", recoñece.
O centrocampista defende de feito que vaia onde vaia "ao Pontevedra vouno ter como a miña casa e espero que eles tamén sempre me queiran recibir como o fixeron o primeiro día. Estou moi agradecido ao club porque ao fin ao cabo é o primeiro equipo que me deu a coñecer", explica. Tanto é así que se resiste a falar en termos absolutos porque "pode chegar o día de manañana e renovar co Pontevedra", aínda que sexa unha posibilidade remota na actualidade.
O que aínda non se explica Miguel Román é o descenso do equipo, xa que "todo o vestiario estaba concienciado en conseguir a salvación. Sigo sen ser consciente de que nos faltou para salvarnos, o resto de equipos fallaban como nós en erros individuais ou calquera motivo pero é que a nós penalizáronnos moito, nalgúns partidos chegábannos dúas veces e metíannos dous goles e nós chegabamos moito máis e non marcabamos", rememora o 5 granate.
O futbolista de Gondomar ten ademais palabras para uns afeccionados que "me trataron como uno máis desde o primeiro día e sempre me apoiaron".
Por iso e polos compañeiros que seguirán no equipo "estou seguro que o Pontevedra vai conseguir o ascenso a teporada que vén. É un club e unha cidade moi grande e vai apostar por ter ao equipo en Primeira RFEF de novo".
Quen sabe se o seu camiño e o do club pontevedrés volverán unirse de novo. O futuro dirao.