Miguel Cuesta, fichaxe do Pontevedra vía traspaso

Pontevedra
29 de xaneiro 2025
Actualizado: 17:22

O atacante, que firma polo que resta de campaña e polo menos unha tempada máis, chega a Pasarón procedente do Marino de Luanco

Miguel Cuesta (esquerda) no partido de liga entre Pontevedra e Marino en Pasarón
Miguel Cuesta (esquerda) no partido de liga entre Pontevedra e Marino en Pasarón / Cristina Saiz

Fichaxe no Pontevedra Club de Fútbol a poucos días de que finalice o mercado invernal.

O club granate fíxose cos servizos de Miguel Cuesta, futbolista ofensivo que militaba no Marino de Luanco.

Conta cun perfil que lle permite actuar en varias posicións de ataque, aínda que preferiblemente partindo desde a banda.

Trátase dun futbolista asturiano de 24 anos que pasaba por ser o máximo goleador esta campaña en Luanco, con cinco tantos, e que sumou seis goles tanto o curso pasado no propio Marino como o na anterior nas filas do Real Oviedo Vetusta.

Cuesta comprométese co Pontevedra polo que resta de tempada e, canto menos, outra máis.

É ademais unha fichaxe que, segundo o medio fútbolasturiano.es, se produce vía traspaso, cunha compensación económica ao Marino por permitir a súa saída.

De feito o club asturiano fala de "acordo entre todas as partes".

É a segunda fichaxe do mercado invernal do Pontevedra tras a chegada do tamén atacante Brais Abelenda, e que se suma á incorporación coa liga xa empezada de Pelayo Suárez.

Precisamente o central, tamén asturiano e que antes de aterrar en Pontevedra púñase a punto adestrando co Marino, definiu este mércores en rolda de prensa, a preguntas dos xornalistas, ao novo futbolista granate, asegurando que "é un rapaz a nivel persoal fantástico e logo a nivel de xogo creo que nos pode achegar moito, é un extremo con moita forza, arranque, potencia e sobre todo que ten gol".

Coa súa contratación a entidade pontevedresa cobre todas as súas fichas sénior dispoñibles, polo que en caso de querer incorporar antes do peche de mercado un centrocampista que cubra a lesión de Cambil deberá tratarse dun futbolista en idade sub-23.