Primeiras palabras de Míchel Alonso como adestrador do Arosa.
O técnico ferrolán foi presentado oficialmente este mércores no Estadio Municipal da Lomba acompañado do presidente arlequinado, Manuel Abalo, e tamén de Dani Abalo, recentemente nomeado director deportivo da entidade.
"Era a primeira opción entre as 10.000 que tiñamos", recoñeceu de feito o presidente sobre o adestrador que guiará o novo proxecto en Terceira RFEF co reto de ascender de categoría. "Sabemos o esforzo que fai, seguramente tería propostas de equipos de categoría superior pero aposta por este proxecto", engadiu pola súa banda o director deportivo.
En canto ao preparador, comezou a súa comparecencia asegurando que "Para min é máis importante o club, o proxecto, que a categoría. Eu non veño adestrar a Terceira RFEF, veño adestrar o Arosa e sei o que supón".
Ese proxecto pasa por "axudar ao club a que creza" e coa premisa de que "nos queremos achegar todo o que poidamos a ser un equipo profesional".
Míchel Alonso avanzou ademais detalles de que poderanse atopar os afeccionados arosistas a próxima tempada, e é que "hai uns sinais que si que me gustan que teñan os meus equipos. Quero que xoguen en campo rival, ser un equipo que teña moita presenza en área contraria", sinalou.
Todo iso ademais cun ollo posto na canteira. Por eso apostará por un plantel que "non vai ser moi longo", co obxectivo de dar oportunidades aos canteiráns xa que "os equipos de base están nas mellores categorías e iso non se pode pasar por alto". Ademais, defendeu Míchel, "comigo debutaron oito xogadores da canteira do Compostela en pouco tempo, en cinco meses, porque cría que ían achegar e aquí vou facer o mesmo".
O técnico tamén adiantou que "vai haber cambios" no plantel, e reafirmou que "sei que veño a un sitio de fútbol, aquí gusta o fútbol e foi unha das cousas que me fixo estar aí". Por eso e porque "nesta categoría, con esta afección podemos marcar a diferenza".