Michaela Drummond e Daria Fomina, dobre reforzo internacional do Farto para La Vuelta

Pontevedra
28 de abril 2023

O equipo pontevedrés confirmou este venres unha dobre fichaxe a só uns días de que comece a súa participación na Volta a España, que comeza o vindeiro luns 1 de maio en Torrevieja

Michaela Drummond, nova corredora do Farto BTC
Michaela Drummond, nova corredora do Farto BTC / Farto-BTC

O Farto-BTC conta as horas para que comece a gran competición do ano, La Vuelta, rolda por etapas para a que decidiu reforzarse para tentar deixarse ver entrre os mellores equipos do pelotón internacional.

A só uns días que comece a carreira, cunha contrarreloxo por equipos o vindeiro luns 1 de maio en Torrevieja, a escuadra pontevedresa confirmou unha dobre fichaxe internacional.

Por unha banda fíxose cos servizos da neozelandesa Michaela Drummond, procedente do Zaaf Team. Con ela no equipo, o Farto espera reforzar us opcións en etapas ao sprint, e é que Drummond ademais de ser unha especialista de ciclismo en pista acumula bos resultados na estrada e experiencia nas grandes roldas.

A corredora afirma ter "moitas ganas de unirme á disciplina do Farto-BTC. A filosofía de traballo gustoume e creo que teño unha gran oportunidade por diante. Ademais, o calendario do equipo permitirame compaxinar os meus obxectivos de pista e o equipo apoiarame niso'.

Para Brais Dacal, mánager do equipo, Michaela "vai ser un gran valor para o equipo e exercerá un rol fundamental non só no noso rendemento, se non tamén en ensinar ás máis novas do equipo".

Ademais incorpórase ao Farto a moza rusa Daria Fomina (Vipeq Team), actual 14ª clasificada na Copa de España, chamada a ser "a mellor protección para Ariadna e Michaela esta tempada. Estou seguro de que vai aprender moi rápido. Vimos moitos detalles que nos fixeron apostar por ela", asegura Dacal.

As dúas ciclistas foron prerexistradas para a Volta a España, aínda que a formación definitiva de sete ciclistas non se dará a coñecer ata este sábado.