A dous días de que o Estadio Municipal de Pasarón acolla a segunda rolda da Copa do Rei, o ritmo de venda de entradas segue a ser elevado.
Segundo confirmou o Pontevedra Club de Fútbol, á primeira hora da mañá deste luns roldábase a cifra de 2.500 localidades vendidas para o partido contra o Villarreal, chegando ao peche da xornada matinal ás 2.619 entradas despachadas.
Finalmente na última actualización do día tíñanse vendido xa máis de 3.000 entradas ao peche das oficinas.
Este número únese aos socios do club granate, que contan co acceso incluído no seu abono.
Contando con ambas as dúas circunstancias, máis da metade do aforamento do estadio pontevedrés está xa comprometido.
A maior ocupación rexístrase por agora no Fondo Norte, con boa parte dos seus sectores marcados xa en gris no mapa do estadio ao contar con todas as localidades ocupadas.
Tamén en Preferencia á primeira hora do luns completouse xa o sector central superior e en Sur e Tribuna varios sectores estaban preto de facelo.
As entradas para o Pontevedra-Villarreal poden adquirirse a través da plataforma online habilitada polo Pontevedra, nas oficinas de Pasarón e o propio mércores nos despachos de billetes desde unha hora antes do choque.
Todo iso cuns prezos para o público adulto fixados en 25 euros nos fondos, 35 euros na bancada de Preferencia e 45 euros na de Tribuna, mentres que os afeccionados de categoría xuvenil (até os 16 anos) deberán pagar 20 euros en fondos e Preferencia e de 25 euros en Tribuna.