Mestura de ilusión e preocupación na volta ao traballo do Pontevedra

Pontevedra
25 de agosto 2020

Os granates retoman os adestramentos ás ordes de Jesús Ramos, que deseña sesións sen contacto entre xogadores á espera do protocolo para o fútbol non profesional mentres os seus rivais doutras comunidades traballan con normalidade. No mercado de fichaxes, a chegada dun central é a prioridade

Jesús Ramos, no primeiro adestramento da pretempada 2020-2021 do Pontevedra CF
Jesús Ramos, no primeiro adestramento da pretempada 2020-2021 do Pontevedra CF / Cristina Saiz

O Pontevedra CF xa está en marcha. Agora si. Despois do errado inicio de principios de agosto polos novos brotes de coronavirus e o atraso, que aínda segue sen data oficial, do inicio da competición, os futbolistas de Jesús Ramos exercitáronse este martes sobre o céspede de Pasarón. Aínda que, polo protocolo sanitario da Xunta e a diferenza dos seus rivais doutras comunidades, tiveron que facelo sen contacto físico e con distancia de seguridade. "É algo que se entende porque son gobernos diferentes, pero creo que haberá equipos que cheguen mellor que outros ao comezo da tempada", asume con resignación o adestrador granate.

Deixando ao carón o enfado pola falta de previsión das autoridades deportivas para a aprobación dun protocolo que permita a volta ao traballo do fútbol non profesional despois da suspensión das competicións no mes de marzo, no vestiario de Pasarón respírase ilusión. "Empezamos de forma oficial e aínda que sexa de forma atípica, os xogadores están contentos porque volven respirar fútbol, poden facer o seu traballo e estar cos compañeiros", valora o técnico.

Con todo, a pretemporada granate será moi diferente ás habituais. "Esperamos que pronto nos deixarán adestrar con contacto, pero mentres tanto hai que adaptarse", recoñece o preparador, que non entende o trato que están a recibir por parte das autoridades. "Eu creo que si somos profesionais, igual que en Primeira", alega reclamando unha normativa que lles permita exercer o seu traballo en condicións de seguridade e igualdade.

Mentres tanto, o plantel traballa de forma individual ou en grupos reducidos exercicios de forza, coordinación ou técnica. E así seguirán ata poder adestrar con normalidade.

Aínda así, esta situación non impide ao corpo técnico centrarse noutro dos aspectos fundamentais da pretemporada: a cohesión dun grupo que presenta nove caras novas. "O máis importante agora é formar un grupo bo, unha boa familia e ter os conceptos claros", sostén Ramos satisfeito coa calidade do seu plantel e consciente do esixente reto que terá que superar tan pronto como o balón bote a rodar.

"A presión sabemos que existe, somos un club histórico e temos unha afección esixente. Hai que convivir con ela, comezar ben será moi importante", admite o adestrador que inicia este tempada como responsable do primeiro equipo para todos os efectos despois de substituír de forma provisional ao cesado Carlos Pouso.

Con respecto ás necesidades que aínda ten o plantel, Ramos confesa que as posicións de centro do campo, extremos e dianteiros están cubertas, "fáltanos un central", sinala como prioridade antes de puntualizar que aínda dispoñen de catro fichas sub 23 libres que empregarán en reforzar aquelas posicións máis débiles.

Desde o anuncio do regreso de Charles e a chegada de novas fichaxes, a ilusión entre a afección granate está disparada. O obxectivo será acabar "unha liga atípica" de só 18 xornadas entre os tres primeiros para asegurar polo menos a promoción á Segunda B PRO. "Hai que facer as cousas ben, queremos que a xente estea orgullosa de nós. Chegaron xogadores importantes, agora hai que apertar en cada partido e sumar de tres en tres", conclúe un Jesús Ramos satisfeito por "dar un paso importante" para a volta do fútbol a Pasarón co regreso aos adestramentos.