Mesmo árbitro para o mesmo partido no Bergantiños-Pontevedra

Pontevedra
27 de marzo 2025

O Comité Técnico de Árbitros (CTA) designou para o Bergantiños-Pontevedra o madrileño Ignacio Bordons Romero, que xa dirixiu o encontro da primeira volta en Pasarón

Bordóns Romero, na xornada de liga entre Pontevedra e Bergantiños en Pasarón
Bordóns Romero, na xornada de liga entre Pontevedra e Bergantiños en Pasarón / Cristina Saiz

Situación canto menos curios na designación arbitral do próximo partido do Pontevedra Club de Fútbol, e non é a primeira vez que pasa nas últimas tempadas.

O Comité Técnico de Árbitros (CTA) designou para o Bergantiños-Pontevedra o madrileño Ignacio Bordons Romero, que estará auxiliado nas bandas por Javier Blanco Martín e Abraham Belloso Rivero.

Até aí pode parecer unha decisión rutineira, pero é que se trata do mesmo colexiado que dirixiu o partido da primeira volta en Pasarón entre os mesmos equipos.

Aquel encontro, que finalizou con 1-0 en favor dos granates, deixou tamén un incidente extradeportivo que foi recollido por Bordons Romero. Foi o lanzamento dunha botella de auga durante a celebración do gol conseguido por Javi Fontán.

Unha circunstancia que desembocou nunha multa á entidade granate por unha "alteración da orde do encontro de carácter leve".

Naquel encontro en cuestión o árbitro mostrou até seis cartolinas amarelas, tres por cada equipo.

Hai ademais outro precedente no Pontevedra con este colexiado, saldado tamén con triunfo en Pasarón por 3-0 fronte ao Oviedo Vetusta na campaña 23-24.

No que respecta ao Bergantiños, pola súa banda o único precedente é o duelo desta mesma tempada en Pontevedra.