O Complexo Deportivo David Cal en Verducido acolleu esta fin de semana a II Copa de España Sprint 2024 das categorías júnior e sénior, sendo o Kayak Tudense o mellor equipo galego cun terceiro posto na clasificación xeral por equipos. O primeiro lugar ocupouno o Piragüismo Aranjuez, seguido do Náutico de Sevilla en segundo lugar.
Entre os dez primeiros clasificados, ademais do equipo de Tui destacaron os galegos Fluvial de Lugo en cuarto lugar, a Escola de Piragüismo de Pontevedra en sétimo lugar e o Club Ría de Betanzos en oitavo lugar.
En canto ás carreiras, os deportistas galegos que destacaron na distancia de 500 metros foron Nicolás Braña do Piragüismo Poio no C1 da categoría xuvenil, Martín Jácome do E.P. Ciudad de Pontevedra en categoría sénior e Óscar Allegue do Náutico Firrete en K1 xuvenil.
Na distancia de 200 metros, pola súa banda, houbo dous ouros máis en categoría xuvenil por medio de Raúl Fernández do As Torres Romería Vikinga en C1 e Manuel Pousa do Club de Mar Ría de Aldán en K1.
Antía Otero, xunto a Claudia Couto, impuxéronse na final de C2 sénior, mentres que Raúl Busto, facendo parella con Iker Rey, gañou a súa regata en xuvenís. Así mesmo, Pablo Graña e Pablo Álvarez destacaron no C2 sénior.
As medallas continuaron co triunfo de Emily Fernández e Aida Fonseca do Fluvial de Lugo na final xuvenil, e Roi Rodríguez e Manuel Rivas terminaron en primeiro lugar na final de K2 sénior. A embarcación C4do E.P. Ciudad de Pontevedra gañou na final feminina da distancia curta.
As finais da distancia de 1000 metros tamén deixaron medallas para Galicia. A embarcación C4 do Náutico Pontecesures levou a vitoria en categoría xuvenil, mentres que, en sénior, a tripulación do Breogán do Grove foi a vencedora. Ademais, a parella do Kayak Tudense de Pedro Vázquez xunto a Matías Otero, venceu na final de K2 sénior.
Na modalidade de Paracanoe, Adrián Mosquera do Piragüismo Rías Baixas logrou a vitoria na categoría masculina sénior PV3, mentres que Araceli Menduiña gañou con autoridade en PK3.