Meritorio décimo quinto posto para Pablo Dapena na Copa do Mundo de New Plymouth

Pontevedra
22 de marzo 2015

O pontevedrés realizou unha notable carreira en Nova Zelandia competindo por chegar no Top-10 ata os últimos metros. A proba caracterizouse por unhas difíciles condicións meteorolóxicas

Pablo Dapena (dereita) durante a Copa do Mundo de Cartagena de Indias
Pablo Dapena (dereita) durante a Copa do Mundo de Cartagena de Indias

Hai unha semana as sensacións non foron boas en Mooloolaba (32º), pero o pontevedrés Pablo Dapena desquitouse na súa segunda proba consecutiva da Copa do Mundo de Tríatlon celebrada en New Plymouth (Nova Zelandia).

Dapena protagonizou unha notable carreira loitando ata os últimos metros por entrar no Top-10 nunha proba marcada polas difíciles condicións meteorolóxicas.

Ao final o pontevedrés foi décimo quinto cun tempo 53:34, lonxe do gañador, o sudafricano Richard Murray (52:38), pero a só cinco segundos do décimo clasificado.

Pablo foi ademais o mellor español da carreira tras saír da auga no decimitercer lugar entrar no grupo de 37 que se xogaría a Copa na carreira a pé.

A Copa do Mundo de New Plymouth disputouse en distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé).

Ao termo da competición o triatleta galego recoñeceu que "tras dúas semanas sen actuar como me gustaría, á terceira foi a vencida" nunha "carreira dura".

Dapena sinalou ademais que deixa Oceanía "moi satisfeito co resultado e con moita moral para afrontar os seguintes meses de duros adestramentos".