Nunha proba exclusiva, ante os mellores especialistas da media e longa distancia a nivel internacional, Pablo Dapena deu o callo conseguindo un meritorio posto no Top-10.
O triatleta pontevedrés superou á intensa calor que marcou a carreira da PTO en Dallas, Estados Unidos, para cunha gran carreira a pé final ascender ata a décima posición final.
Non se trata de pouca cousa, e é que para iso Dapena impúxose a grandes nomes como Sebastian Kienle, Lionel Sanders, Ben Kanute ou Rudy Von Berg. Case nada.
As altas temperaturas apenas deron tregua, nin nunha auga con case 27 graos para unha natación de 2 quilómetros na que o único representante español en liza investiu 26 minutos e 57 segundos, a só 20 segundos do home máis rápido.
En sector ciclista de 80 quilómetros o pontevedrés marcou o 15º mellor parcial afastándose da cabeza, un tempo que recuperou cunha gran carreira a pé de 20 quilómetros na que foi alcanzando rivais ata consolidarse entre os 10 mellores cun tempo final de 3 horas, 22 minutos e 55 segundos.
Strong swim and incredible fast run sees @pablitopiny 10th position today. Well done it that heat, Pablo! #PTOUSOpenpic.twitter.com/IZRrXuvrGc
— BMC Pro Triathlon Team p/b 2XU (@BMCProTri) September 18, 2022
Por diante o vencedor foi o estadounidense Collin Chartier (3:17:16), seguido de Magnus Ditlev (3:17:58) e Sam Long (3:18:08) no segundo e terceiro lugar.
O PTO de Dallas contaba cunha espectacular bolsa de premios de 1 millón de dólares. De feito, co seu décimo lugar Pablo Dapena conseguiu unha importante recompensa de 16.000 dólares.