As tres campioas de Europa de fútbol sala que militan nos equipos da provincia de Pontevedra, Silvia Aguete, Ale de Paz e Luci Gómez; foron recibidas este martes no Pazo Provincial polo deputado de Deportes, Gorka Gómez, quen en nome da Deputación felicitounas polo éxito conseguido.
Ademais de poñer en valor a xesta de conseguir o terceiro título continental consecutivo co combinado nacional, tanto as futbolistas como o titular de Deportes fixeron fincapé na necesidade de seguir apoiando o fútbol sala e o resto de deportes femininos para percorrer o longo camiño que teñen aínda por diante para lograr a plena igualdade coas competicións masculinas.
"É necesario que esteamos aquí porque temos que conseguir o dobre de cousas para que se nos dea a metade", reivindicou a xogadora do Marín Futsal, Ale de Paz. Un discurso que compartiron as súas dúas compañeiras. "Necesitamos máis visibilidade, máis patrocinios e máis apoio das institucións", demandou Luci Gómez, do Poio Pescamar. "Dedicámonos profesionalmente a isto e merecémonos dar un paso máis. Temos o reflexo do fútbol, que cando se lles deu o apoio que mereceron deron un salto enorme. Nós podemos facer o mesmo", engadiu a actual gardameta do Marín Futsal e exxogadora vermella, Silvia Aguete.
Á marxe das mensaxes reivindicativas, tamén houbo tempo para as felicitacións e os agradecementos. Gómez falou dun "ciclo histórico" da selección española de fútbol sala e estendeu as súas felicitacións ao corpo técnico, do que tamén forma parte o preparador físico pontevedrés Adrián Paz. Neste sentido, quixo poñer en valor o bo traballo de todas as xogadoras e dos profesionais que forman parte dos clubs de Primeira División da área de Pontevedra, o Marín Futsal e o Poio Pescamar.
"Estamos orgullosas do conseguido, porque estamos a facer historia e por compartilo cunhas compañeiras incribles", declarou Luci Gómez. "Afortunadamente xa é algo habitual e oxalá se repita", engadiu unha Silvia Aguete que promete "seguir facendo o que nos corresponde".