O Memorial Luaces, primeira cita do ano para o balonmán pontevedrés

Pontevedra
07 de xaneiro 2025
Actualizado: 13:37

O Club Cisne xogará o seu tradicional torneo amistoso este mércores 8 de xaneiro no Pavillón Municipal dos Deportes fronte ao OAR Coruña

Partido do Cisne no Pavillón Municipal dos Deportes
Partido do Cisne no Pavillón Municipal dos Deportes / Mónica Patxot

É unha cita xa tradicional para o balonmán pontevedrés e servirá unha vez máis para estrear o ano.

O Pavillón Municipal dos Deportes acollerá este mércores 8 de xaneiro o XXXI Memorial Manuel Luaces, co que cada ano se rende homenaxe a toda unha lenda do Club Cisne.

Nesta ocasión o Memorial enfrontará o Cisne co actual líder da Primeira Nacional, o OAR Coruña, a partir das 20.15 horas.

Unha cita coa que ir recuperando o ton competitivo parea chegar na mellor forma posible ao primeiro partido do ano na División de Honra Prata, o sábado 18 coa viaxe á pista do Trops Málaga.

Ademais o Memorial Manuel Luaces contará con partidos de categoría benxamín ás 19.00 horas.

A pesar da decisión da Federación Galega de Balonmán de disputar partidos a porta pecha até o 18 de xaneiro, tras un grave caso de violencia vivido nun partido de categoría cadete en Vilalonga, o torneo disputarase con público nas bancadas.

Isto débese ao carácter amistoso do mesmo, ao non tratarse dunha competición oficial.

O acceso dos afeccionados, puntualiza o Cisne, será de balde.