Melloría do Arxil para despedirse con triunfo da Copa Galicia

Pontevedra
14 de setembro 2016

O equipo pontevedrés venceu ao Ensino de Lugo poe 62-60 no Centro Galego de Tecnificación Deportiva e experimentou unha notable melloría desde o seu primeiro partido de pretempada

Partido de Copa Galicia entre Arxil e Ensino no CGTD
Partido de Copa Galicia entre Arxil e Ensino no CGTD / Diego Torrado

Aínda queda moito por facer, pero o Arxil progresa adecuadamente na súa pretempada, aínda á espera de que se incorpore ao equipo, nas próximas horas, a venezolana Waleska Pérez.

Mentres iso non sucede o cadro pontevedrés deuse unha alegría vencendo na segunda xornada da Copa Galicia ao Ensino de Lugo (62-60) no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Sen opcións de clasificarse para a fase final, tras a derrota da primeira xornada ante o Cortegada, as de Mayte Méndez céntranse agora na súa preparación para o inicio de liga, no que terán como rival de novo ao Ensino.

Como un test por tanto pode tratarse o duelo de Copa ante as luguesas, moi igualado, no que se viron moitos fallos en ataque no inicio pero no que foron mellorando co paso dos minutos.

María Lago (15), María Centeo (14) e Minata Keita (16) sostiveron ás verdes na parcela ofensiva, que mellorou sensiblemente na segunda metade. Ademais Lago, nun apertado final de partido, foi decisiva desde a liña de persoal.