Melissa Maia, do Farto, fai dobrete ao proclamarse campioa nacional portuguesa en estrada e BTT

Pontevedra
13 de outubro 2020

A ciclista lusa un dobre triunfo de prestixio para o conxunto pontevedrés, para o que compite na modalidade de estrada

Melissa Maia, ciclista do Farto, no Campionato de Portugal
Melissa Maia, ciclista do Farto, no Campionato de Portugal / Federaçao Portuguesa de Ciclismo

O Club Ciclista Farto celebra os resultados conseguidos por unha das súas corredoras nos campionatos nacionais de Portugal, celebrados durante a fin de semana nas localidades de Castelo Branco (estrada) e Condeixa-a-Nova (BTT).

Melissa Maia, corredora do equipo pontevedrés na modalidade de estrada, proclamouse campioa portuguesa tanto na proba de fondo na estrada como a de BTT.

Na primeira desas probas, de 88 quilómetros de percorrido, a ciclista lusa meteuse na escapada boa xunto a Marta Branco, Júlia Ru e Celina Carpinteiro. As catro xogáronse o triunfo ao sprint e a representante do Farto foi a máis rápida.

"Sabiamos que era un percorrido duro, polo que optei por resgardarme ben ata a terceira volta, onde probei aos meus rivais con varios cambios de ritmo", relata Maia. "Estou moi feliz e síntome realizada tras prepararme moi duro estes meses e seguir crendo durante a pandemia", sinalou agradecendo "o traballo fundamental da miña compañeira Diana para lograr este triunfo", explicou sobre a súa compañeira de equipo Diana Pedrosa, que entrou en meta na oitava posición.

Pese ao esforzo que supuxo esta carreira, Melissa Maia repetiu con poucas de descanso presencia na saída do Campionato de Portugal de BTT Maratón, nunha proba de 70 quilómetros de lonxitude. Nela impúxose con claridade con case 2 minutos sobre Ilda Pereira e 6 sobre Celina Carpinteiro, prata e bronce respectivamente.