Meiro celebra o domingo a súa XVIII Concentración de Bicicletas, recordando este ano a Cristóbal Hermida

Bueu
07 de setembro 2013

O ritmo será lento e realizaranse varias paradas de reagrupamento para permitir a participación de ciclistas de todas as idades e niveis de forma

O recordo de Cristóbal Hermida, presidente do Club Ciclista Bueu falecido hai uns meses, estará moi presente na XVIII edición da Concentración de Bicicletas de Meiro, que se celebra este domingo 8 de setembro.

A proba, na que poderá participar todos os que o desexen, partirá da Morada ás 10:00 da mañá para baixar pola Calzada Romana e A Graña cara a Bueu, subir a Beluso, polígono industrial de Castiñeiras e regresar ao punto de partida.

Segundo anuncia a organización o ritmo da marcha será lento e contará con varias paradas de reagrupamento para permitir a participación de ciclistas de todas as idades e niveis de forma.

Todos os participantes recibirán un bocadillo e refresco e entrarán no sorteo de regalos, material deportivo e unha bicicleta. Ademais, os máis pequenos poderán gozar de castelos inchables.

A XVIII Concentración de Bicicletas de Meiro, Memorial Cristóbal Hermida, está organizada pola Asociación Cultural Meiro e o Club Ciclista Bueu, coa colaboración do Concello de Bueu, Protección Civil, Policía Local, Garda Civil e 061.