O Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños será escenario desde este xoves 13 de marzo e até o domingo 16 do Campionato de España Infantil de Inverno de Natación.
Unha cita deportiva que foi presentada oficialmente este mércores no Concello e que contará con "454 participantes que representan a 180 clubes de toda España, de los cuales 16 son gallegos", explicou o presidente da Real Federación Española de Natación, Fernando Carpena.
O dirixente da federación nacional afirmou ademais durante a súa intervención, que "para nosotros Pontevedra es un lugar clave", avanzando sobre próximas competicións e eventos de nivel nacional e internacional que "de hecho tenemos ideas que en breve se pueden confirmar".
En canto ao Campionato de España Infantil "es una competición para nosotros muy importante, porque es el inico de la competición a nivel estatal", afirmou.
Unha cita ademais importante a nivel deportivo xa que "los mejores infantiles se van a clasificar para el Festival Olímpico de la Juventud Europea (FOJE), y de aquí van a salir seleccionados 16 deportistas", avanzou Carpena.
Pero ademais do estritamente deportivo "é un evento que permite achegar á nosa cidade a moitísimas persoas", destacou pola súa banda a concelleira de Deportes, Anabel Gulías.
A nivel local, dous son os deportistas do Club Natación Galaico que conseguiron as marcas mínimas para participar, como son Marlene Rocha e Lois Chan.
Xunto ao presidente da Federación Española e a concelleira de Deportes, participaron na presentación do campionato o presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión; o presidente do Galaico, Alberto Castro; o presidente da Fundación Rías do Sur, Serafín Piñeiro; e o responsable provincial de deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides.
As sesións de competición darán comezo todos os días ás 10.00 e ás 17.30 horas excepto a tarde do domingo, que se iniciará ás 17.00 horas.