As augas do encoro do Pontillón do Castro (Verducido) vibrarán esta fin de semana co mellor piragüismo nacional na Copa de España de Xoves Promesas en categoría cadete. O evento reunirá este sábado 22 e domingo 23 de abril no Complexo Deportivo David Cal medio milleiro de padexeiros, dos que 172 pertencen a 25 clubs de diferentes puntos de Galicia.
Entre os clubes participantes atópanse a Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, o Club Piragüismo Verducido, o Club Naval de Pontevedra e o Club Río Verdugo.
Na proba organizada pola Federación Galega de Piragüismo, en colaboración coa Concellería de Deportes, tamén participarán deportistas procedentes de equipos de catorce comunidades autónomas e da cidade autónoma de Ceuta. A competición desenvolverase en distancias de sprint de 500 e 1.000 metros, nas disciplinas de K1, C1, K2, C2, K4, C4 e Paracanoe.
O evento deportivo comezará ás 9:00 horas do sábado coas probas clasificatorias, celebrándose as semifinais a partir das 11:20 horas. A xornada continuará pola tarde, entre as 16:00 e as 19:20 horas, con finais e clasificatorias, realizándose un acto de entrega de medallas ás 19:30 horas.
O domingo levaranse a cabo probas en horario de mañá, entre as 9:00 e as 13:15 horas, e o día pecharase cunha nova entrega de medallas.