Por segundo ano, unha proba atlética unirá Sanxenxo e O Grove nun marco privilexiado, transcorrendo por plena costa das Rías Baixas.
É por iso que os responsables do Medio Maratón Entre Ríaselixiron a Feira Internacional de Turismo (FITUR) como marco para presentar a segunda edición do evento deportivo.
O medio maratón, cun percorrido homologado de 21,1 quilómetros, terá lugar o próximo 18 de maio.
Toda unha "proba única", coincidiron en sinalar os alcaldes de Sanxenxo, Telmo Martín, e do Grove, José Cacabelos.
A carreira conta xa con "preto de mil inscritos", desvelou o seu organizador, Serafín Acevedo, aínda que a intención é superar os dous milleiros de atletas.
No que respecta á proba, terá a súa saída no porto do Grove (10.00 horas) para finalizar no centro de Sanxenxo, pasando por lugares únicos como A Toxa ou A Lanzada. Ademais contará coa opción de correr soamente 10.000 metros, con saída nese caso desde A Lanzada (11.30 horas).
A unión dos dous concellos para impulsar o evento vese como unha oportunidade de "realizar unha proba única e ser referentes dentro duns anos como xa o somos como destinos turísticos do norte de España en Sanxenxo e O Grove", destacou Telmo Martín.
Pola súa banda Cacabelos defendeu a "singularidade" de atravesar dúas rías animando aos deportistas a participar porque "case sería un delito non anotarse".
A presentación do segundo Medio Maratón Entre Rías, contou co atleta olímpico Tariku Novales como padriño e unha ampla representación institucional.