A Federación Internacional de Tríatlon (World Triathlon) deu a coñecer este martes a lista de saída para a Gran Final das Series Mundiais que se celebrarán en Pontevedra o próximo mes de setembro.
Trátase do gran evento do ano para o tríatlon olímpico, a menos xa dun ano para os Xogos Olímpicos, e por iso na Boa Vila estarán practicamente todos os grandes nomes do panorama internacional, cunha interminable lita de medallistas mundiais e olímpicos.
Por exemplo na lista de saída masculina estará o campión nos Xogos de Tokyo, o noruegués Kristian Blummenfelt, pero tamén o dobre medallista e campión mundial Jonathan Brownlee (Gran Bretaña) ou o surafricano Henri Schoeman, bronce en Río 2016 e vencedor da Gran Final das Series Mundiais ese mesmo ano.
Ademais, os aspirantes ao título do presente ano estarán todos na lista de saída da carreira pontevedresa, como o británico Alex Yee (prata olímpica en Tokyo), o neozelandés Hayden Wilde (bronce en Tokyo), o portugués Vasco Vilaca e os franceses Léo Bergere e Dorian Coninx, que ocupan os cinco primeiros postos do ranking.
En canto á representación española, estará encabezada polo vigués Antonio Serrat acompañado de Roberto Sánchez Mantecón, David Castro, Sergio Baxter e Alberto González.
Tampouco faltará ninguén no cartel da carreira elite feminina, como a subcampioa olímpica Georgia Taylor-Brown (Gran Bretaña) e as deportistas que encabezan actualmente o ranking mundial: Cassandre Beaugrand (Francia), Beth Potter (Gran Bretaña), Emma Lombardi (Francia), Taylor Spivey (EEUU) e Summer Rappaport (EEUU).
O equipo español neste caso estará composto por tres triatletas, como son Miriam Casillas, Noelia Juan e Sara Guerrero.
Un cartel inmellorable para ir abrindo boca para o que será o gran evento deportivo do ano na Boa Vila.