Medalla de ouro para Bea Gómez Cortés nos 200 metros estilos no Nacional de verán de Barcelona

Pontevedra
21 de xullo 2014

De menos a máis. Así foi a pontevedresa Bea Gómez Cortés no Campionato de España Absoluto e Júnior de Verán de natación, que se disputou dende o pasado mércores en Barcelona. Ademais, outros nadadores do Club Natación Galaico lograron bos resultados na categoría júnior

Bea Gómez e Mireia Belmonte no Open de Pontevedra
Bea Gómez e Mireia Belmonte no Open de Pontevedra / Diego Torrado

De menos a máis. Así foi a pontevedresa Bea Gómez Cortés no Campionato de España Absoluto e Júnior de Verán de natación, que se disputou dende o pasado mércores en Barcelona. Despois de que o seu estado de forma lastrase o seu rendemento nos primeiros días de competición, a nadadora do Club Natación Galaico logrou colgarse a medalla de ouro nunha das súas probas favoritas, os 200 metros estilos.

Bea Gómez Cortés subiu ao máis alto do podio nesta proba tras parar o crono en 2:14.00. Foi dous segundos e medio máis rápida que a segunda clasificada, Catalina Corro (Club Natación Palma). Terceira foi Anne Mills, do Real Canoe. Con esta marca, récord do campionato, a pontevedresa quédase a menos de dous segundos de bater a súa propia plusmarca galega, lograda en Pontevedra en marzo do ano pasado.

ÿ a única medalla que logrou a nadadora do Galaico en Barcelona, unha presea que lle permite despedirse destes campionatos cun bo sabor de boca. Ata entón o mellor resultado de Bea Gómez producírase na xornada do venres co seu cuarto posto nos 200 metros libres. O seu tempo de 2:00.13 serviulle para establecer un novo récord galego. Ese mesmo día foi sexta en 400 estilos cun tempo de 4:48.16.

A participación de Bea Gómez Cortés no Campionato de España Absoluto e Júnior de Verán de natación completouse co oitavo posto en 100 metros libres cun tempo de 00:57.32, a mesma praza que logrou en 100 metros costas con 1:05.09. Por último, foi décima en 50 metros libres cun tempo de 00:27.18.

OUTROS RESULTADOS DO GALAICO

Ademais, outros nadadores do Club Natación Galaico lograron bos resultados na categoría júnior. Lara Gómez Cortés foi quinta nos 800 metros libres de 15 anos cunha marca de 9:28.48, igual que Paula Goyanes en 200 metros bolboreta de 16 anos que completou en 2:22.21. Ambas as dúas nadaron tamén en 400 estilos nas súas respectivas idades, quedando décima e sexta, respectivamente.

Lara Gómez Cortés nadou tamén os 400 metros libres e os 200 estilos, pero sen sorte. Non logrou pasar das eliminatorias previas. Nesta última tamén quedou fóra da final Paula Goyanes, que completou a súa participación nestes campionatos de Barcelona cun décimo posto en 200 metros costas, cun tempo de 2:24.90.

Iria García Pardavila, que competiu en 400 e 800 metros libres, logrou na primeira das súas distancias o seu mellor resultado. Foi décimo sétima cun tempo de 4:29.06. E nas probas masculinas, Cristian Fernández foi vixésimo primeiro en 800 metros libres con 8:40.15.