Meaño e Cambados acollen a terceira edición da Ruta do Albariño de ciclismo

O Salnés
19 de xuño 2014

A proba organizada pola Federación Galega de Ciclismo e o Club Ciclista Cambados para deportistas en idade Júnior e sub-23, desenvolverase durante as xornadas de sábado e domingo

Podio da Ruta do Albariño 2013
Podio da Ruta do Albariño 2013

A próxima fin de semana os municipios de Meaño e Cambados recibirán o pelotón galego Júnior e sub-23 coa celebración da III Ruta do Albariño.

A proba, organizada pola Federación Galega de Ciclismo e o Club Ciclista Cambados, contará con dúas xornadas, a primeira delas o sábado 21 con dous sectores, primeiro cunha cronoescalada ao Alto de Busto (Meaño) dende as 11 da mañá e despois cunha etapa en liña, con saída e chegada tamén en Meaño, que pasará por Dena, O Grove, San Vicente do Mar, Portonovo, Sanxenxo e Nantes.

Un día despois, o domingo, a carreira decidirase en Cambados (10:30 horas) nun circuíto de 23 quilómetros ao que haberá que dar tres voltas con pasos por Pontearnelas e Ribadumia.

Ademais das formacións galegas confirmaron a súa presenza os equipos Zugor, Mutua Levante e Sanse Spiuk.