Natural da rexión de Urabá, Mauricio Ortega converteuse en Tokio en 2021 no primeiro lanzador de disco colombiano en acadar un diploma olímpico. Co obxectivo de repetir ou mellorar o posto nos Xogos Olímpicos de París en 2024, este atleta, residente en Pontevedra, traballa na optimización da súa preparación e rendemento cos investigadores do Laboratorio de Rendemento, Condición Física e Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
A través dun contrato de I+D, o laboratorio que coordina Óscar García leva a cabo unha serie de avaliacións do deportista colombiano, que permiten achegar unha serie de pautas e recomendacións ás diferentes fases do proceso de adestramento que Ortega desenvolve no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), baixo a dirección do cinco veces olímpico Frank Casañas.
García, nunhas declaracións feitas no DUVI da Universidade de Vigo, asegura que o traballo que levan facendo desde decembro ten o propósito de que Ortega alcance "o seu pico de forma" no verán, coincidindo co Mundial de Atletismo que se disputará en Budapest.
Trátase do primeiro gran reto no horizonte do deportista colombiano sobre o que García afirma que "é unha proba moi importante para el e a nosa idea é que, máis que finalista, intente estar na pelexa polas medallas. Logo, conseguila ou non, depende xa de moitos factores".
Pola súa parte, Casañas, en relación aos Xogos Olímpicos que se celebrarán en París en 2024, insiste en que "a idea é que tampouco baixe de ser finalista e intentar mellorar os resultados que obtivo en Tokio."
Nesa mesma liña, o propio Ortega incide en que o traballo ten como meta tratar de chegar o máis alto posible "en todas as competicións". O obxectivo, engade, "é volver repetir todo o que se logrou en 2021 e incluso melloralo".
A día de hoxe, Ortega define como "unha bendición" a axuda que lle brindan tanto o seu adestrador como os investigadores da UVigo, que lle están permitindo non só coñecer as súas principais potencialidades, senón tamén descubrir cuestións como o feito de que sempre chegaba cansado á tempada de verán e nunca sabía o porqué.