Martín Sánchez culmina a remontada do Arosa contra o Barco (2-1)

O Salnés
15 de xaneiro 2023

O Arosa asinou este domingo diante da súa afección a primeira vitoria do ano cunha remontada sobre un Barco que xogou cun menos desde o minuto 20 pola expulsión de Konete por dobre amarela  

Partido entre Arosa e Barco na Lomba
Partido entre Arosa e Barco na Lomba

O Arosa asinou este domingo diante da súa afección a primeira vitoria do ano cunha remontada sobre un Barco que xogou cun menos desde o minuto 20 pola expulsión de Konete por dobre amarela.

Pero a pesar de estar en inferioridade numérica, o conxunto de Ourense abriu a lata no marcador cando se alcanzaba a media hora de xogo cun gol que saíu das botas de Andrés e que deixaba xeada á afección arlequinada.

A partir de aí o Arosa pasou a dominar. Estaba necesitado dun tanto e sabía que, estando cun xogador máis no verde, o seu rival ía notar máis pronto que tarde o cansazo nas súas pernas.

Asediaron os de Luisito a portería do Barco, moi pechado en defensa buscando aferrarse ao único gol anotado ata o momento. Con todo, o Arosa marcou a tempo, no minuto 60, cun disparo de Borja Míguez que facía o empate a un.

Moveron ficha os técnicos en busca dun triunfo que finalmente recaeu en mans da escuadra local grazas ao tanto de Martín Sánchez co que culminou unha remontada que vale ouro para seguir pelexando polos postos altos da clasificación.