Un martes de entroido de puro fútbol base en Pontevedra

Pontevedra
20 de febreiro 2025
Actualizado: 14:23

Os campos de fútbol da Xunqueira, Monte Porreiro e Ponte Sampaio serán escenario o martes 4 de marzo da primeira fase do Campionato Galego de Seleccións Comarcais sub 11 e sub 13

Campos de fútbol Manolo Barreiro
Campos de fútbol Manolo Barreiro / Mónica Patxot

Pontevedra será escenario o próximo 4 de marzo, martes de entroido, da primeira fase do Campionato Galego de Seleccións Comarcais de Fútbol para as categorías Sub-11 e Sub-13.

Así o confirmou este xoves a Real Federación Galega de Fútbol, sobre unha competición que pasa por ser un dos seus grandes eventos anuais.

Non é para menos, e é que entre a competición masculina e a feminina congregaranse en Pontevedra máis de 600 deportistas en toda unha xornada festiva para o fútbol base autonómico,

O campionato disputarase nos dous campos de fútbol do Complexo Deportivo Manolo Barreiro da Xunqueira, no campo de Monte Porreiro e tamén no de Ponte Sampaio.

Todo iso nunha xornada intensiva que arracancará ás 9.30 horas da mañá e que se prevé finalizar ao redor das 20.00 da tarde.

A competición disputarase en en formato de liga coas seleccións participantes sumando puntos que contabilizarán de cara á clasificación para a fase final.

A liga clasificatoria completarase de feito na xornada matinal da segunda fase.

Participarán un total de 32 seleccións procedentes de Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Costa da Morte.

Será a primeira vez que esta primeira fase da cita autonómica se celebre de forma conxunta, tanto nas categorías masculinas como femininas.