Marta Fernández, quinta renovación no Arxil de LF Challenge

Pontevedra
12 de agosto 2024

A xogadora cumprirá deste xeito a súa segunda campaña no club pontevedrés

Partido entre CB Arxil e Náutico Tenerife Ull no CTGD
Partido entre CB Arxil e Náutico Tenerife Ull no CTGD / Cristina Saiz

Quinta renovación no Club Baloncesto Arxil, que segue a dar pasos na composición do plantel co que competirá esta tempada na esixente LF Challenge, segundo chanzo do baloncesto feminino nacional.

O club pontevedrés confirmou a continuidade de Marta Fernández, xogadora que chegou hai un ano a Pontevedra prodecente do Ensino de Lugo.

Será desta forma a súa segunda campaña no equipo tras a súa estrea en Liga Feminina 2, nun ano no que foi gañando protagonismo chegando a facerse un oco en varios encontros no cinco inicial arxilista.

De feito participou en 30 encontros ao longo do curso entre liga regular e fase final con 20 minutos de media na cancha nos que alcanzou de media 6,5 puntos por partido.

Marta únese no plantel ás tamén renovadas Cristina Díaz-Pache, Margarita Moreira, Nerea Liste e Miriam García nun proxecto que primeiro está a apostar por asegurar a súa columna vertebral para despois apuntar ás fichaxes coas que redondear o equipo e que permitan pelexar pola permanencia na categoría.