Marta Casanova pulveriza o récord galego de milla en pista no evento solidario organizado por Anedia

Pontevedra
14 de novembro 2020

A atleta do Adas Proinor detivo o crono en 5 minutos e 12 segundos. Diego Fernández Soliño foi o vencedor na categoría sénior masculina dunha proba deseñada para conmemorar o Día Mundial da Diabetes

VII Milla Solidaria Anedia
VII Milla Solidaria Anedia / Cristina Saiz

A pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva foi escenario este sábado da sétima edición da Milla Solidaria que cada ano organiza Anedia para conmemorar o Día Mundial da Diabetes.

A extraordinaria situación sanitaria obrigou a celebrar este evento no CGTD e cunha participación limitada a só 160 atletas de todas as idades para poder garantir a seguridade de todos os participantes.

Entre as 11 e as 14 horas levaron a cabo máis dunha quincena de carreiras. Desde a categoría sub 10 ata a absoluta, na que Diego Fernández Soliño e Marta Casanova fixéronse co triunfo. Ademais, a corredora do Adas Proinor foi capaz de bater o récord galego desta disciplina en pista ao completar os 1.600 metros de percorrido en 5 minutos e 12 segundos. No podio acompañárona Branca Fernández e Vitoria González.

Na categoría masculina, a prata foi a parar a mans de Iker González e o bronce, para Antón Gómez.

En cada unha das carreiras disputadas, a participación estivo limitada a 8 atletas, polo que os tempos para adxudicar as medallas tiveron que cotexarse cos resultados das finais A e B que houbo en cada categoría.