A Sociedad Deportiva Teucro salvou un empate 'in extremis' esta tarde contra o Reconquista de Vigo. O conxunto adestrado por Irene Vilaboa foi a remolque todo o encontro pero reaccionou no últimos cinco minutos grazas ás paradas estelares de Miguel Jiménez e do gol de Marko Dzokic de tiro franco cando a bucina xa indicara o final.
Nos primeiros minutos mantívose a igualdade e nin a exclusión de Miguel Monteagudo aos oito de xogo, decantou a balanza a favor do cadro local, a pesar de estar cun xogador máis sobre na cancha (4-4).
A partir de aí o Teucro apagouse en ataque e estivo case 5 minutos sen ver portería, instantes que aproveitou o Reconquista para facerse cunha primeira renda de dous goles que se mantivo ata alcanzado o 13 de xogo, cando Xurxo Rivas rompeu a seca lerezana para meter no duelo ao seu equipo cando aínda había opcións.
Coa igualdade continuou o primeiro tempo, destacando a ofensiva de Caue Herrera con cinco goles para o Teucro e de Daniel Vicente para o Reconquista, mandando o partido ao descanso nun axustado 13-12.
Saíron moi ben os xogadores de Irene Vilaboa tras o paso polos vestiarios, con Xurxo Rivas e Dzokic asinando un primeiro parcial de 0-2 co que volteaban o marcador.
Pero o acerto en ataque tamén o tiña o cadro vigués, que respondía a cada gol teucrista da mesma forma. Pero a partir do minuto 9 produciuse un punto de inflexión, Dani Gómez foi excluído, a súa falta castigouse con sete metros, pero Álex Sánchez errou o seu lanzamento na que era a oportunidade do Teucro de volver empatar.
Ocorreu todo o contrario, e a pesar de estar cun xogador máis sobre a cancha, non puido frear o ataque rival e aos poucos foise atopando cunha laxa máis grande en forma de catro goles en contra (23-19) que, sumada á exclusión de Rhuan Marchette, obrigaba a Irene Vilaboa a parar o tempo cando aínda quedaban 15 minutos por disputarse.
A situación tardou en cambiar a pesar dos intentos dos de Lérez, que aproveitaban a exclusión de Javier Freixeiro para reducir en dous goles a diferenza que os separaba do Reconquista, que pedía tempo morto a falta de cinco para o final (27-24).
A tensión cortábase no ambiente e o Teucro apuraba as súas opcións de remontada, apoiado nun Miguel Jiménez baixo paus que detiña dous sete metros e deixaba todo por decidir no último minuto (28-27).
Atacaron os vigueses, detivo o gardameta teucrista e os de Pontevedra tiveron a última bala coa que tan só podían empatar o encontro. Pitou falta o cadro arbitral, a zaga local cometeu falta e Marko Dzokic exerceu de capitán e púxose á fronte do último lanzamento co que llo xogaba todo. E non lle tremeu o pulso ao xogador visitante que, a pesar de ter unha barreira de seis homes diante, enchufó o esférico na escuadra e anotou o 28-28 co concluíu o partido.