Mario Revenga cun bronce pon a guinda para Gimnástica no Campionato de España Sub-23

Pontevedra
15 de xullo 2024

O atleta do equipo pontevedrés logrou a súa mellor marca persoal na final dos 110 metros valas para lograr subir ao terceiro chanzo do podio no campionato nacional celebrado en Burgos

Mario Revenga (dorsal 278) na final dos 110 valos do Campionato de España Sub-23 de Atletismo
Mario Revenga (dorsal 278) na final dos 110 valos do Campionato de España Sub-23 de Atletismo / Miguélez Team / Real Federación Española de Atletismo

O Campionato de España Sub-23 de Atletismo celebrado durante a fin de semana en Burgos deixou gratas noticias para a Sociedad Gimnástica, que desprazou á cita nacional un bo número de deportistas acompañados do seu adestrador, Manuel Hurtado.

O resultado máis destacado foi o conseguido polo velocista Mario Revenga, bronce nos 110 metros valos.

O atleta do club pontevedrés asinou ademais na final a súa mellor marca persoal (14.00 segundos), sendo só superado por Gonzalo Lamborena (CAPEX) e o galego Hugo Vázquez (Marineda).

Alba Pérez tamén rebaixou a súa mellor marca nos 10 quilómetros marcha (51:52) para ser quinta, do mesmo xeito que fixo Raúl Cortizo en salto de lonxitude (7.46 metros) para ser no seu caso sexto. Ademais o lanzador Diego Echevarría tamén foi sexto en disco (43.58 metros), Isa Caeiro foi oitava nos 3.000 obstáculos (11:37), Andrea Villaverde foi décima en lonxitude (5.42 metros) e Victoria Eiriz ocupou o mesmo posto no martelo (39.43 metros).

Completou a representación ximnástica Victoria Rodríguez cun dobrete nos 800 e 1.500 metros, sendo undécima na primeira da probas e vixésima na segunda.