A piques de cumprir 29 anos Mario Gómez aterrou no Pontevedra sen escapar da esixencia do seu novo equipo e con ambición. O sevillano é un tipo de central que hai tempo non se vía en Pasarón, con 1,95 metros de estatura ademais de zurdo.
Case un mes despois de iniciar a pretempada, o defensor asegura que "non me arrepentín" da decisión de fichar polo club de Pasarón.
"A verdade é que a acollida tanto no club como na cidade está a ser bastante sinxela e é de agredecer, porque é a miña primeira experiencia por Galicia, estou moi lonxe da miña terra", explica a PontevedraViva.
Iso si, o ex de equipos como Calahorra e Unionistas en Primeira RFEF e en última estancia do Hércules en Segunda RFEF revela que o trato cos granates foi sinxelo. "Co primeiro que falei foi con Charles. Púxose en contacto comigo para ver como era a miña situación e a verdade foi todo dun día para outro. Foi sinxelo chegar a un acordo porque Pontevedra é un sitio apetecible, un proxecto bo" defende.
Ademais, tras un inicio de pretempada de adaptación na que os resultados non estaban a acompañar todo empezou a cambiar. "Somos moitos compañeiros novos, que non nos coñeciamos, unha idea clara que ten o míster, que é facer todo con balón e ser dominador dos partidos e creo que nos últimos partidos amigables están a verse as cousas que adestramos", sinala.
É aí de feito, no inicio da xogada, onde cre que pode achegar moito ao equipo, porque "creo que centrais zurdos hai poucos na categoría, está a verse que en moitos equipo xogan dous centrais destros, e estamos nun proxecto no que o corpo técnico pide saída de balón sempre desde atrás e xogar a perna natural é máis fácil".
Mario afirma ademais que con Yago e con todo o corpo técnico hai bastante conexión co plantel, buscando ese xogo de dominio e protagonismo co coiro, con bo trato da pelota, pero sen renunciar ao oficio "como se viu o outro día co Compostela, que se vas gañando 0-1 pois outro fútbol un pouco máis práctico para non pegarnos un tiro no pé tampouco".
Do que non escapa o central é da esixencia, xa que "todo o mundo cando asina no Pontevedra non fai falta dicir cal é o obxectivo. A presión eu que vou tendo unha idade e experiencia hai que saber lidar con ela buscando o positivo".
Ademais das súas ganas de pisar Pasarón como local (fíxoo catro veces como visitante), Mario Gómez pide ir "partido a partido", situando como posibles rivais polo obxectivo do ascenso a "creo que Compostela, Zamora tamén está a facer bo equipo e o Avilés vén de facer play-off e ten xogadores con experiencia. Pero sempre hai algún tapado que non che esperas e que dá guerra" prognostica.
Con esas ganas o futbolista andaluz oposita ao posto de 'kaiser' da defensa. En principio por un ano, como estipula o seu contrato, pero "nisto do fútbol nunca se sabe, así que imos ir pasiño a pasiño, facelo o mellor posible e o ano que vén xa se verá".