A Carreira +10K Manuel Rosales de Marín volverá o venres ao primeiro plano a partir das 20.00 horas para converter á vila na capital do atletismo e homenaxear a unha das figuras máis relevantes e destacadas do deporte marinense.
O evento presentouse nun "salón" ubicado na Alameda que resume a vida do homenaxeado, que non se entendería sen o "ciclismo, atletismo e os mobles". Así o introduciu o moderador da presentación, o xornalista Terio Carrera.
Nos sofás, estiveron presentes a alcaldesa, María Ramallo; o propio Manuel Rosales coa súa filla Manuela Rosales, o xefe de estudos da Escola Naval Militar; Juan Carlos Higuero, atleta español 10 veces campión de España de 1.500 metros e Jesús Hermida, quen fora Secretario de Estado para o Deporte.
Na presentación, lembrouse a espectacular traxectoria de Rosales, oito veces vencedor da Maratón de Nova York e unha auténtica lenda máis alá da nosa terra.
A +10, que percorrerá todo o centro urbano, xa conta con cerca de 700 inscritos. A proba absoluta desputarase ás 22 horas e terá saída desde a Avenida de Ourense e chegada á Alameda Rosalía de Castro. O percorrido terá unha distancia de 10 quilómetros totalmente planos, sen desniveis e homologado pola Real Federación Española de Atletismo.
As categorías escolares comezarán ás 20.40 horas, coa categoría de biberóns (1-2 anos). Esta categoría, así como a de pitufos, prebenxamín, benxamín e alevín non serán competitivas. No resto, haberá premios para os tres primeiros de cada categoría.