A fachada litoral de Marín será a protagonista da Carreira Carmiña, un evento que suma deporte, turismo e cultura e que pretende converterse nunha data de referencia no calendario de probas atléticas da vila.
A alcaldesa, María Ramallo e o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, presentaron xunto ao organizador do evento, Víctor Riobó, esta carreira que terá lugar o domingo 11 de xuño e que xa ten pechadas as inscricións.
A saída será desde a Praia de Lapamán ás 10.00 horas, pasando por todo o resto de areais do municipio até chegar finalmente ao Paseo Alcalde Blanco, que terá unha meta espectacular no seu miradoiro superior.
En total, o percorrido terá unha distancia de 10,6 quilómetros aproximadamente e transcurrirá por toda a costa, por riba do mar, con traxectos de terra, asfalto e area de praia, de xeito calculado para facer pasar aos corredores no momento de marea baixa.
A maiores, celebrarase unha Mini-Carmiña, que constará duns 5,6 km e que terá saída desde o Porto Deportivo de Aguete.
Tal e como indicou Riobó, o obxectivo é atraer ata a vila “a persoas de distintos puntos de España, que veñan correr a Marín e a gozar dunha fin de semana en Galicia”.
A alcaldesa quixo animar a todas as persoas amantes do deporte a anotarse a este evento, “que estamos convencidos que será unha cita ineludible para coñecer dun xeito diferente a nosa contorna, a nosa paisaxe”.
O atleta español Juan Carlos estivo presente tamén no acto de presentación dun evento que xa ten asegurada a presenza de máis de 700 participantes.