O atletismo marinense está de parabén, e é que en 2025 a vila será sede dunha gran competición nacional.
Así o decidiu na súa reunión deste martes a Comisión Xestora da Real Federación Española de Atletismo (RFEA).
En concreto Marín organizará o Campionato de España de Marcha Absoluto e Máster na distancia 35 quilómetros. Trátase dunha proba histórica no atletismo que deixou de ser olímpica en París 2024 para ser sustuida polas remudas mixtas.
Aínda así España conta con grandes especialistas na distancia, como os campións mundiais de 2023 (e medallistas olímpicos en París) María Pérez e Álvaro Martín.
Ademais a concesión inclúe tamén dous campionatos nacionais de categorías inferiores.
Estas probas son o Campionato de España Marcha Federacións Autonómicas Sub-20 e Sub-18 (10km) e o Sub-16 (5km), o que anticipa unha gran participación de deportistas.
A Comisión Xestora confirmou a data en que se celebrarán os campionatos. Será o domingo 9 de marzo de 2025.
Na mesma circular, a RFEA sinala ademais que a localidade cántabra de Castro Urdiales acollerá o 8 de decembro deste mesmo ano o Campionato de España de Marcha de Inverno de Promoción e o Campionato de España 10 km Marcha en ruta Máster.