O Marín Futsal cae co Móstoles e queda ás portas da súa terceira fase final de Copa

Marín
19 de decembro 2024

O conxunto marinense golpeou primeiro pero viu como o Móstoles remontaba na Raña (1-2) eliminándoo da Copa da Raíña

20241214 Saiz a raña marin futsal gran canaria  007
20241214 Saiz a raña marin futsal gran canaria 007 /

Ás portas da fase final da Copa da Raíña quedouse esta vez o Marín Futsal.

O conxunto marinense aspiraba a clasificar por terceira vez na súa historia para a fase decisiva do torneo, pero cedeu na Raña fronte ao Móstoles (1-2) nun partido tremendamente disputado.

De feito o Marín adiantouse moi pronto no marcador, soñando coa clasificación.

Fíxoo cun gol de Café ao tres minutos de xogo, culminando unha bonita acción colectiva.

A alegría non durou moito, xa que as visitantes igualaron nunha acción de estratexia. Foi no minuto 7, cun disparo final de Benete que tocou nunha xogadora marinense e acabou entrando na portaría.

Era un partido igualado, e con táboas chegouse ao descanso. Con todo á volta de vestiarios o Móstoles golpeou na súa primeira ocasión, cun tanto de Celia que culminaba a remontada madrileña.

A partir de aí os minutos foron consumíndose sen acerto ofensivo das locais, que o tentaron a falta de 4:38 co xogo de cinco pero que tampouco así lograron forzar canto menos o empate.

Confirmouse así un 1-2 que daba a clasificación para a fase final ao Móstoles.