Marín elevará aos altares aos seus taekwondistas na gala anual do deporte

Marín
22 de decembro 2022

Tres deportistas do Mat's, Iván García, Arlet Ortiz e Sergio Troitiño; recibirán tres dos dez galardoes que se conceden de forma anual e que se decidiron este xoves na reunión do xurado

Reunión do xurado para elixir os premiados na gala do deporte de Marín do 2022
Reunión do xurado para elixir os premiados na gala do deporte de Marín do 2022 / Concello de Marín

O xurado dos premios da Gala do Deporte do 2022 de Marín reuniuse este xoves para elixir os gañadores das dez categorías que premian cada ano.

Os mellores deportistas foron os taekwondistas do Mat's Iván García e Arlet Ortiz nas categorías masculina e feminina, respectivamente.

Na modalidade de novo deportista, os distinguidos son o taekwondista Sergio Troitiño (Mat's) e a ciclista Lorena Patiño (XSM e Pinarium). Mentres que o mellor veterano é José Montenegro, do Moto Bike.

Na categoría de mellor adestrador, o galardón será colectivo este ano e recaerá no equipo técnico do Team Thunder.

O Marín Futsal resultou ser elixido o mellor club do municipio e o mellor evento, o Torneo Internacional Tucho da Torre que organiza a Escola de Fútbol Villa de Marín.

O premio á inclusividade recaerá este ano en Nagore Otero, do Pinarium. E o mellor patrocinador lévallo a empresa Lirón, principal espónsor do Teucro.