Marín brilla no Campionato de España de Ciclocrós co dobre ouro de Lorena Patiño e Lucas Lozano

Marín
12 de xaneiro 2025
Actualizado: 13:19

Os deportistas do XSM Clube Ciclista proclamáronse campións de España nas súas respectivas categorías, júnior e cadete, demostrando un dominio absoluto nas súas probas

Lucas Lozano, no Campionato de España de Ciclocrós
Lucas Lozano, no Campionato de España de Ciclocrós / Federación Galega de Ciclismo

Os ciclistas marinenses Lorena Patiño e Lucas Lozano puxeron á súa localidade no máis alto do podio no Campionato de España de Ciclocrós celebrado nas Pontes.

Os deportistas do XSM Clube Ciclista proclamáronse campións de España nas súas respectivas categorías, júnior e cadete, demostrando un dominio absoluto nas súas probas.

A júnior Patiño chegaba á cita como clara favorita tras coroarse campioa de España cadete en 2023 e júnior o pasado ano, comandando a proba desde o inicio e avantaxando na primeira volta a Irati Aranguren (Euskadi) en 30 segundos.

Esa diferenza soubo mantela a ciclista do XSM no segundo parcial e mesmo a ampliou no terceiro e definitivo para prolongar a súa hexemonía ante o aplauso do público.

A un paso de escoltar a Lorena Patiño na entrega de premios quedou a santiaguesa Alejandra Neira, quen protagonizou unha sensacional remontada na que chegou a ocupar a terceira praza. Con todo, esa diferenza non a puido conservar ante a progresión de Maier Olano (Euskadi), que a superou nos últimos metros.

A outra representante do combinado galego, Alba Gregores, finalizou vixésima.

Lorena Patiño, no Campionato de España de Ciclocrós
Lorena Patiño, no Campionato de España de CiclocrósFederación Galega de Ciclismo

O segundo ouro da Selección de Breogán tamén foi para un ciclista do XSM de Marín.

O cadete Lucas Lozano rodou á fronte da proba de principio a fin, soltou na segunda volta a Pelayo Gancedo (Asturias) e cruzou a liña de meta con 42 segundos de marxe. Galder Orio (Euskadi) levou o bronce.

PRATA EN LA CARRERA TEAM RELAY

Baixo a choiva e sobre moito barro, o combinado galego fíxose coa medalla de prata na carreira Team Relay de remudas autonómicas. Asturias, defensora do título, fíxose co ouro, e Cantabria, co bronce.

Despois de quedar o ano pasado sen medalla, a Selección de Breogán regresou ao podio igualando o resultado asinado no 2023 en Vic. O sexteto formado por Samuel González, Lucas Lozano, Andrés Calvete, Lorena Patiño, Raúl Puelles e Miguel Rodríguez chegou liderando a proba á súa ecuador, pero nas dúas últimas voltas, o o combinado asturiano tomou o mando con autoridade.

A selección do Principado venceu por unha marxe de 1 minuto e 13 segundos e Cantabria levou o bronce a case 2 minutos dos gañadores.

O top-5 entre o oito equipos participantes completárono a Comunitat Valencina e Catalunya, cuarta e quinta respectivamente.