María Lago continúa un ano máis como capitá do Arxil

Pontevedra
06 de agosto 2022

Importante tanto dentro como fora do campo, María Lago é unha das xogadoras máis decisivas ás ordes de Mayte Méndez. Só na última tempada, asinou 156 puntos, 116 rebotes, 67 asistencias e 58 roubos de balón que lle valeron para alcanzar unha valoración 204 en 20 partidos

María Lago, no partido de Liga Femenina 2 entre Arxil e Córdoba no CGTD
María Lago, no partido de Liga Femenina 2 entre Arxil e Córdoba no CGTD / Cristina Saiz

O vínculo entre o Club Baloncesto Arxil e a súa capitá María Lago continuará, polo menos, un ano máis. E xa van doce. 

A xogadora de Porriño chegou a un acordo coa directiva para formalizar a súa continuidade coa entidade verde e seguir facendo historia co equipo.

Importante tanto dentro como fora do campo, María Lago é unha das xogadoras máis decisivas ás ordes de Mayte Méndez. Só na última tempada, asinou 156 puntos, 116 rebotes, 67 asistencias e 58 roubos de balón que lle valeron para alcanzar unha valoración 204 en 20 partidos.

unha escordadura apartouna da cancha no último partido da primeira volta e nos cinco primeiros da segunda, pero o peor chegou no primeiro encontro da fase de ascenso en Melilla cando a falta de poucos minutos rompeu o tendón de Aquiles.

Aínda que agora a súa prioridade é recuperarse da lesión, o conxunto pontevedrés confía nela como capitá un ano máis na que sumará a súa duodécima campaña vestindo a camiseta verde.