Marcelino ve un Pontevedra "que xoga ben ao fútbol e que nos vai a esixir defender"

Pontevedra
03 de decembro 2024
Actualizado: 17:28

O adestrador do Villarreal eloxiou o Pontevedra antes de enfrontarse na Copa, asegurando que o seu equipo deberá estar "concentrado, motivado, intenso e humilde" para pasar a eliminatoria

Marcelino García Toral no Celta-Villarreal de liga
Marcelino García Toral no Celta-Villarreal de liga / LaLiga

O Villarreal CF non se fía do Pontevedra Club de Fútbol ante a eliminatoria de segunda rolda da Copa do Rei.

O técnico do equipo castellonenco, Marcelino García Toral, defendeu este martes na rolda de prensa previa ao choque que o seu equipo deberá estar "o suficientemente concentrado, motivado, intenso e humilde" para pasar de rolda en Pasarón.

Marcelino eloxiou ao cadro granate véndoo como "un equipo atractivo, dominante, que xoga ben ao fútbol e que nos vai a esixir defender e logo atacar", e é que "non podemos pensar que polo feito que xoguen en Segunda RFEF vai ser un rival sinxelo", defendeu.

"Respectamos ao máximo o Pontevedra porque é o principal camiño para ter máis posibilidades nesta eliminatoria", sinalou o adestrador asturiano.

Nos seus argumentos o responsable do Villarreal lembrou que "hai un ano sufrimos para gañar o Zamora, fixémolo na prórroga, e caemos por penaltis con Unionistas. Son suficientes avisos para respectar o rival desde a humildade e ofrecer a nosa mellor versión".

Todo porque "se actuamos ao noso máximo nivel creo que temos máis opcións que o Pontevedra porque así o di onde está un equipo e onde está o outro, pero a un partido calquera rival pode gañar", advertiu.

García Toral admitiu que contará con algún futbolista do seu filial para afrontar o duelo copeiro, con "quizais un xogador por liña".

Ademais recoñeceu que lles favorece actuar nun estadio como o de Pasarón.

"É un campo con boas dimensións, bancadas... Un campo que non é herba sintética cunha bancada, pintado de dúas cores, é un campo de fútbol e o Pontevedra é un equipo histórico", afirmou durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación lembrando "os meus inicios como adestrador ir xogar alí en Segunda B", cando dirixía o filial do Real Sporting de Xixón.