Marc Torres gaña a Domaio Heroica e anota outra vitoria para o Padronés

Vilaboa
25 de agosto 2024

O Padronés-Cortizo gañou a Domaio Heroica disputada este domingo con triunfo de Marc Torres en categoría elite e Manuel Rodríguez na sub-23. Con esta vitoria, Rodríguez fíxose co título galego sub-23 deste 2024 e Cristian Lapido (Team Oiense), o título de categoría elite  

Marc Torres na chegada á meta da Domaio Heroica
Marc Torres na chegada á meta da Domaio Heroica / Ricardo Lede / Federación Galega de Ciclismo

O Padronés-Cortizo gañou a Domaio Heroica disputada este domingo con triunfo de Marc Torres en categoría elite e Manuel Rodríguez na sub-23. Con esta vitoria, Rodríguez fíxose co título galego sub-23 deste 2024 e Cristian Lapido (Team Oiense), o título de categoría elite.

A carreira arrancou ás 10:00 horas desde as proximidades do Club de Xubilados de Domaio. Por diante, os corredores tiñan os 150 quilómetros divididos en dous partes.

Os primeiros 80 quilómetros transcorreron por Moaña, Vilaboa, Pazos de Borbén, Fornelos do Monte e Soutomaior para regresar ao epicentro do percorrido e dar dúas voltas a un circuíto dunha trintena de quilómetros que incluíu a subida ao porto de montaña de Cruz da Maceira. 

Nese tramo inicial, co ascenso cara a Pazos de Borben, era aproveitado por Marc Torres e José Antonio Redondo (Avimosa-Chozas Team) para poñer terra polo medio co pelotón e conseguir máis de dous minutos de renda no ecuador da xornada.

Aí xa entraron os ciclistas no duro circuíto final con esa dobre subida a Cruz da Maceira, onde a diferenza dos fuxidos seguiu crecendo ata os tres minutos. Torres e Redondo mantivéronse na cabeza nos últimos 30 quilómetros que transcorreron sen sorpresas e bloquearon calquera intento de caza dos rivais.

Finalmente xogáronse todo nun man a man que caeu a favor de Marc Torres, conseguindo outra vitoria máis en Galicia para o conxunto de Padrón cuns segundos de vantaxe sobre José Antonio Redondo. Joan Martín Bennassar (High Level-GSport) pechou o podio a minuto e medio.

A camisola sub-23 obtívoa Manuel Rodríguez, oitavo clasificado da proba e único galego da súa categoría no grupo. Martín Rey (Padronés Cortizo) acadou a medalla de prata sub-23 e Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz), a de bronce.

No caso dos elite, Cristian Lapido proclamouse por primeira vez campión de Galicia por diante de Ángel Maneiro (Supermercados Froiz) e Juan Vidal (Lasal Cocinas – Craega), segundo e terceiro entre os galegos da categoría raíña.