Manzanares, un equipo modesto ilusionado coa súa segunda presenza no play-off

Pontevedra
02 de xuño 2015

O equipo manchego disputa por segunda vez na súa historia a fase de ascenso a Segunda B despois dunha tempada moi regular na que só perderon un encontro no seu estadio. Chegan á segunda eliminatoria despois de superar por penaltis o Lanzarote tras dous partidos sen goles

Partido do play-off entre Manzanares e Lanzarote
Partido do play-off entre Manzanares e Lanzarote / Rueda Villaverde / La Tribuna de Ciudad Real

O destino quixo cruzar no camiño a dous equipos opostos en traxectoria e ambicións. Un Pontevedra que loita por volver ao lugar que por historia e afección merece e un Manzanares Club de Fútbol que vive un auténtico soño.

O conxunto manchego xoga esta tempada a segunda fase de ascenso a Segunda B da súa historia, tras a disputada na tempada 95/96, e faino tras unha liga moi regular na que finalizou en cuarto lugar do seu grupo, o 18, correspondente a Castela A Mancha, sendo superado soamente por Talavera, Almansa e Quintanar del Rey.

Ao longo das 38 xornadas os machegos, club dunha localidade de apenas 20.000 habitantes a 50 quilómetros de Ciudad Real, só perderon un partido no seu estadio (xornada 9 ante o Almansa), gañando 12 e empatando seis.

A domicilio o equipo adestrado por Guillermo Alcázar presenta ademais uns números máis que aceptables, con nove vitorias, catro empates e seis derrotas.

O máis característico do Manzanares é a baixa cifra de goles encaixados, 24, que colocaron ao seu gardameta Rodri no segundo posto do zamora no seu grupo, solidez que demostrou na primeira eliminatoria do play-off deixando na cuneta o Lanzarote, segundo clasificado do grupo canario, despois de dous encontros (prórroga incluída) sen goles.

En ataque o máximo goleador dos machegos é Raúl Castillo con 15 tantos, estando o resto moi repartido polo resto dun equipo no que non destacan grandes nomes.

En canto ao seu estadio, o Campo Municipal José Camacho, trátase dunha instalación de céspede artificial con aforamento para 700 persoas e unhas medidas de 102x70 metros.

Un equipo pois modesto que leva catro anos en Terceira División tras unha longa travesía pola Rexional Preferente e que recibiu con bo agrado enfrontarse a un histórico do fútbol español como o Pontevedra, coa volta nun estadio como Pasarón que o Pasado domingo rozou o cheo con preto de 12.000 espectadores nas bancadas.