O selectivo disputado hai unha semana no encoro asturiano de Trasona deu a luz a unha nova xoia do piragüismo pontevedrés. Para os máis afeccionados ao deporte da canoa, a explosión de Manuel Fontán e Pablo Graña non é ningunha sorpresa, pero moitos descubriron esta prometedora dupla por bater a dous dos barcos máis fortes do piragüismo nacional nunha competición feroz por comezar con vantaxe a carreira olímpica.
Manuel Fontán (2001) do Náutico O Muíño e Pablo Graña (1999) do Náutco Rodeira compiten xuntos desde hai catro anos. O ano pasado xa competiron de ti a ti con embarcacións moito máis curtidas no calendario internacional como as de Joan Antoni Moreno e Adrián Sieiro ou os olímpicos Cayetano García e Pablo Martínez. Naquela ocasión quedaron fóra do mundial por escasas décimas, esta vez o traballo duro dos últimos anos deu os seus froitos.
"Sabiamos que podiamos ser tanto primeiros, como segundos, terceiros ou cuartos. As dúas semanas anteriores estivemos a adestrar en Verducido tanto con Joan e Sieiro como con Noel e Diego e a verdade é que estabamos todos iguais", recoñece Fontán.
Á hora da verdade, a sorte sorriulles a eles. "Sabiamos que iamos ser competitivos pero que ao final íase decidir por pequenos detalles", engade Graña.
Na xornada do pasado mércores, catro canoas xogábanse a unha soa carta boa parte das súas aspiracións olímpicas. E a incerteza non podía ser maior. O nivel de catro dos oito contendentes era tan parello que o mais mínimo detalle podería desequilibrar a balanza. E aínda por riba, a xornada estivo marcada polo vento, a ondada, a gripe do pequeno dos Domínguez, cambios repentinos no horario, dificultade para quentar e unha avaría no sistema de saída.
"Non sabiamos se iamos poder competir, podían anulalo. Iso afecta psicoloxicamente", afirma o do Muíño."Moita xente non saíu a prequentar porque coa choiva que había era contraproducente. A incerteza foi o máis difícil", puntualiza o do Náutico de Rodeira.
Ao final deuse o pistoletazo de saída e Fontán e Graña foron de menos a máis, primeiro deron caza a Moreno e Sieiro e a punto estiveron de superar aos sevillanos Tano e Pablo. "As condicións prexudicáronnos porque fixeron unha carreira lenta e a nós favorécennos unhas máis rápidas", confesan ambos marcando a saída e o primeiro tramo dos 500 metros como os seus puntos máis fortes.
O billete para Hungría era para os dous primeiros barcos, pero en Szeged a dupla do CGTD si que terá que dalo todo por bater ao dúo andaluz. "Agora xogámonos a praza para o mundial, temos que gañarlle ao barco de Pablo e Tano", sosteñen ambos con determinación e confianza. O desenlace coñecerase dentro dun mes.
O dominio do piragüismo pontevedrés na canoa non é casualidade e tanto Fontán como Graña non dubidan en sinalar ao responsable. "Daniel Costa está a facer un traballo excepcional e formando un grupo moi bo. O grupo empuxa a cada un e fai que se consigan bos resultados individuais", sostén Pablo Graña sobre o técnico responsable da canoa sub 23 do equipo nacional e adestrador do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
A clasificación do seu C2 para a Copa do Mundo non foi o único éxito da pasada semana. Tras os Trials Olímpicos, tivo lugar a Copa de España na que Adrián Sieiro sacou a espiña do mércores anterior logrando un dobrete de ouro. Primeiro en solitario na proba do C1-500 que lle abriu a porta aos Xogos Europeos e despois facendo equipo con Fontán para anotarse o triunfo no C2-200. Tamén brillou Pablo Graña, medalla de ouro no C1-200; e os irmáns Diego e Noel Domínguez, primeiros no C2-1000. Ademas tanto Diego Domínguez como Adrián Sieiro colgáronse o bronce nas probas do C1-500 e C1-200, respectivamente.
Uns resultados que confirman a teoría de Pablo Graña de que o nivel do C2-500 en España é "moi bo" e que "o barco que gañe estará para competir polo ouro mundial". Neste sentido, o padeeiro do Rodeira remarca que a redución de disciplinas olímpicas na canoa sacou a "relucir o talento que había en España nesta distancia".
Unha distancia na que Fontán e Graña, a pesar de demostrar ser un dos dous mellores equipos do país, preferiron non celebrar en exceso nun sinal de respecto e amizade cara ao resto de competidores. "Son momentos difíciles nos que non podes celebrar de maneira esaxerada porque son os teus compañeiros e os teus amigos. E máis co tempo que houbo, porque foi un selectivo bastante dificil como para demostrar emocións. Ao final sempre hai alguén que gaña ou perde e o que gana ten que ser o máis deportivo e amigable", concordan os dous padeeiros pontevedreses que en maio volverán protagonizar unha carreira fraticida. Fontán e Graña contra Tano e Pablo, só pode quedar un.