O xogador do Bádminton Ravachol Manuel Brea conquista o seu décimo quinto título autonómico. A pasada fin de semana, Ourense acolleu unha nova edición do campionato galego de categoría absoluta que o xogador do equipo pontevedrés domina con puño de ferro desde fai lustros.
Brea protagonizou unha enorme actuación para proclamarse por oitava ocasión campión galego na modalidade individual. Títulos aos que hai que sumar outros sete triunfos na modalidade de dobres masculino. Un palmarés que o sitúa como o cuarto xogador da historia do bádminton galego con máis títulos.
Pola súa banda, Georgina Bland sumou o seu terceiro título autonómico tras unha demostración do seu altísimo nivel. A xogadora inglesa, nas filas do Ravachol Pontevedra desde 2020, dominou a competición de inicio a fin para sumar outro título á súa exitosa carreira deportiva.
No dobres masculino, o canteirán Hugo Salgueiro, formando parella co estradense Manuel Miguez, levou o bronce. Mentres que en dobres feminino, as 17 veces campioa, Raquel Miguens, non puido sumar un novo título ao caer en semifinais formando parella con Bland. No dobres mixto, Miguens participaba xunto a Javier Sánchez e lograron sumar outra medalla de bronce para pechar o medalleiro do club.