Manuel Brea, a por a súa sexta tempada no Bádminton Ravachol Pontevedra

Pontevedra
20 de xuño 2023

O xogador, 15 veces campión autonómico, é a segunda renovación para o cuarto proxecto do Ravachol Pontevedra na máxima categoría do bádminton nacional

Manuel Brea, no partido entre Bádminton Ravachol e Benalmádena no CGTD
Manuel Brea, no partido entre Bádminton Ravachol e Benalmádena no CGTD / Cristina Saiz

Segunda renovación para o que será o cuarto proxecto do Club Bádminton Ravachol Pontevedra en División de Honra.

Manuel Brea, unha das pezas importantes do equipo nos últimos anos, continuará no Ravachol cumprindo así a súa sexta tempada na entidade.

O seu obxectivo, asegura, será "axudar o club nas súas aspiracións pola permanencia".

Con 26 anos e 15 títulos autonómicos ás súas costas, Brea converteuse no deportista con máis partidos na historia do Ravachol, con 111 encontros dos que 73 concluíron en vitoria.

Pechada a continuidade de Manuel Brea e de Georgina Bland, no club pontevedrés "seguimos traballando principalmente nas renovacións, estamos moi preto de pechar a continuidade doutras pezas importantes xa que o obxectivo segue sendo manter o bloque do ano pasado. O apartado de fichaxes está parado, con algúns contactos pero sen concretar nada de momento", asegura o director deportivo Jesús Pereiro.