Con ilusión e sen complexos. Así afronta o Pontevedra Club de Fútbol a primeira eliminatoria da Copa do Rei, que lle medirá este mércores 30 de outubro (20.00 horas) ao Levante da Segunda División no Estadio Municipal de Pasarón.
"Temos ilusión nesta Copa, sabemos da esixencia do rival pero queremos pelexar por todo", asegurou na previa do encontro o adestrador granate, Yago Iglesias.
O técnico deixou entrever rotacións no once para repartir esforzos nunha semana con tres partidos, co duelo en liga contra o Real Avilés asomando no horizonte.
Defendeu en todo caso que "sacaremos un equipo moi competitivo", no que "seguro", vai xogar Manu Vizoso en portaría.
O canteirán terá a oportunidade de disputar minutos e é posible que tamén a teña a nova incorporación do Pontevedra, o central Pelayo Suárez.
Aínda que se atopaba en paro "vén de estar adestrando con outro equipo da categoría", polo que "vén en boa forma" aínda que "si que lle falta ritmo de competición", explicou Iglesias.
Ese club ao que se refire o preparador é o Marino de Luanco, polo que avanzou que "pode ser unha boa semana" para que comece a acumular ritmo e se vaia adaptando ao seu novo equipo.
Ademais "chegou con moitas ganas", sinala Yago Iglesias.
No que respecta ao rival na Copa do Rei o adestrador granate, que eloxiou o técnico do Levante Julián Calero, cre que "saque o que saque vai ser moi bo equipo" porque "é un club de Primeira División, o seu obxectivo é estar en Primeira e de feito son segundos agora na Segunda División", reiterou a pesar do curto plantel co que conta esta tempada o conxunto valenciano.